Site icon Crónica3.com A Mariña

A oficina de turismo de San Cibrao atendeu a 1.500 visitantes

Cervo, 26 de setembro de 2015. A oficina de turismo instalada no antigo quiosco de San Cibrao atendeu neste pasado verán a 1.500 visitantes, 200 máis que o ano pasado, e tamén serviu para informar aos veciños de municipio sobre as diferentes actividades celebradas durante a tempada estival. Estes datos foron dados a coñecer hoxe pola concelleira de Turismo, Manuela Méndez Álvarez.

A oficina de información turística estivo aberta dende o 1 de xullo ata o 11 de setembro, incluídos os fins de semana. A maioría dos visitantes que atendeu procedían de diferentes puntos de España, entre os que destacaron os madrileños, que foron un 31 por cento; seguidos dos galegos, cun 14 por cento; os vascos foron un 10 por cento; e os procedentes de Castela-León, un 9 por cento. En canto aos galegos a maioría eran da provincia da Coruña, seguida por número de visitantes das de Pontevedra, Lugo e Ourense. Respecto ao turismo internacional, os visitantes chegaron fundamentalmente de países europeos, sobre todo de Francia e a continuación de Alemania, Italia, Inglaterra, pero tamén houbo persoas procedentes de Eslovaquia, Turquía e Portugal. Ademais recibíronse visitantes de outros continentes, algúns deles chegados de países como México ou Filipinas.

A concelleira de Turismo destacou “o incremento de visitantes respecto ao ano anterior e a utilidade desta oficina, porque ademais de información turística tamén serviu para dar a coñecer aos propios veciños do municipio actividades, festas e outros eventos que se desenvolveron durante o verán”.

Exit mobile version