Site icon Crónica3.com A Mariña

Asociación Cultural Arrincadeira de Riotorto organiza a exposición fotográfica “A Órrea no tempo”

Riotorto, 31 de xullo de 2015.- A partires deste venres, co gallo das festas na Órrea de Riotorto, a Asociación Cultural Arrincadeira organiza a exposición fotográfica “A Órrea no tempo” onde se repasa a historia desta freguesia en imaxes. todo aquel que a queira visitar podera facelo na escola da Órrea.

Unha parroquia con historia
Todo parece indicar que Santa Comba de Órrea existe desde a noite dos tempos. Que somos unha parroquia con historia, vaia! O noso propio nome, Órrea, naceu do prefixo orr-, que ten a súa orixe na fala que se usaba aquí antes da chegada dos romanos e que significa lugar entre montañas. Iso é o mesmo que significan, por exemplo, Valdeorras, Chamorro, outra Órrea que hai no concello de Agolada, e incluso Orreaga, que é como se chama en euskera Roncesvalles.

Se viaxamos á Idade Media sabemos, grazas ao estudo do profesor Cal Pardo que reeditamos hai dous anos, que a nosa parroquia estivo moi habitada, que existiu un mosteiro de monxas aquí e que a nosa igrexa foi construída nesta época, nin máis nin menos.

Os tempos cambiaron moito, claro, e a desatención de que foi obxecto o medio rural galego nas últimas décadas provocou o que vemos. Pero se cadra aínda estamos a tempo de poder seguir sendo nosoutros mesmos, nosoutras mesmas. Esta exposición pretende botarlle unha ollada á nosa historia real, á do día a día. Talvez poidamos descubrir no pasado que Santa Comba de Órrea ten dereito a seguir existindo por sempre, e con orgullo ademais.

Exit mobile version