Site icon Crónica3.com A Mariña

A Unión Europea premia por 3ª vez a xestión do Goberno de Besteiro na Deputación con 1,5 millóns de euros para a provincia

Lugo, 31 de xullo de 2015.- A Unión Europea premia por terceira vez a xestión de fondos comunitarios levada a cabo polo Goberno progresista de Gómez Besteiro na Deputación de Lugo, concedendo 1,5 millóns de euros máis para a provincia. Fíxoo tras o reparto de remanentes das axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para a convocatoria de 2011, no que se incluíron as segundas edicións dos programas Innova-TE e Lug02.

Innova-TE foi o programa tecnolóxico co que o Goberno progresista de Gómez Besteiro implantou a administración electrónica na provincia, levou banda longa aos Concellos, construíu prazas públicas wifi, dotou ás entidades locais de novo material informático ou realizou por toda a provincia múltiples actividades formativas sobre as vantaxes das novas tecnoloxías dirixidas a persoas de todas as idades, especialmente para os maiores, entre outras moitas actuacións. Todo isto para combater a fenda tecnolóxica na provincia de Lugo.

O Lug02 foi o programa medioambiental co que o Executivo de Besteiro impulsou as potencialidades e recursos naturais da provincia, como as Reservas da Biosfera recoñecidas polas UNESCO, para xerar riqueza e emprego. Por exemplo, co Fórmate en Verde, que ofreceu a máis de 500 lucenses formación gratuíta para a creación de novas empresas sobre gandeiría e agricultura ecolóxica, así como sobre o sector forestal; coa 1ª plataforma de comercio electrónico na provincia (www.losproductosdelugo.com) para compras por Internet; coas marcas de calidade que recoñecen establecementos lugueses e produtos autóctonos; as bolsas de emprego para mozos con titulacións relacionadas co medio ambiente; coa creación de parque de ocio medio ambientais…etc.

A ambición e resultados destas dúas programacións do Goberno progresista foi o que motivou á Unión Europea a conceder á Deputación de Lugo este investimento de 1,5 millóns de euros para novas actuacións na provincia. Hoxe a Xunta de Goberno Provincial aceptou este premio comunitario ao Executivo de Gómez Besteiro. (Punto 11 da orde do día).

3º premio
É a terceira vez que a Unión Europea premia a xestión dos fondos europeos levada a cabo polo Goberno progresista na Deputación de Lugo a través dos programas que puxo en marcha na provincia. Deste xeito, co reparto de remanentes das axudas do Fondo Social Europeo, no que se incluíu o primeiro Pacto Provincial polo Emprego que ofreceu formación e prácticas remuneradas a máis de 1.000 desempregados lucenses, a UE concedeu outros 600.000 euros á institución luguesa. Anteriormente, co reparto de remanentes do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER), no que se incluíron as primeiras partes do Innova-TE e Lug02, a Unión Europea concedeu á Deputación de Lugo 1,4 millóns de euros, sendo a entidade local de Galicia que recibía o maior presuposto.

Con estes premios de 2 millóns de euros, o Goberno progresista de Gómez Besteiro incrementou os fondos provincias para emprego e puxo en marcha novas programacións como o Ben Empregado.

Exit mobile version