Site icon Crónica3.com A Mariña

Todo está listo en Rinlo para a celebración da XII Festa do Percebe, que terá lugar este sábado

Ribadeo, 31 de xullo de 2015.- Este sábado, 1 de agosto, celebrarase a XII Festa do Percebe, en Rinlo. No evento poranse á venda arredor de 700 quilos de percebe, que se venderán a 13 euros a ración (de 250 gramos). O Concello coorganiza a festa xunto coa confraría de pescadores. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que sexa un éxito.

O rexedor lembra que “por décimo segunda vez chega o día desta festa inventada hai algún tempo, igual que o Ribadeo Indiano e que outras tantas cousas, pero aquelas que se crean e que funcionan ben hai que seguir traballando nelas. Se cadra ao principio o Concello dirixiu a Festa do Percebe durante aqueles primeiros anos, pero xa desde bastante tempo atrás estámola coorganizando coa confraría de pescadores de Ribadeo, concretamente coa sección de mariscadoras e mariscadores”.

Suárez Barcia subliñou que “esta é un festa de Rinlo para o mundo, igual que estamos tan de actualidade con Ribadeo para o mundo, que brilla con luz propia, Rinlo, esta parroquia de Ribadeo cunha personalidade se cadra diferenciada e que os rinlegos e as rinlegas están moi orgullosas de seguir levando así. Sabemos que a día de hoxe hai máis percebeiros e percebeiras que se viñeron incorporando que, aínda non sendo de Rinlo, son como os xogadores dun equipo que defenden as cores da camiseta aínda que non sexan orixinarios desa parroquia”.
O alcalde de Ribadeo anima “a veciñ@s e visitantes a saborear un produto típico do noso litoral, recollido co esforzo e co traballo dos percebeiros e percebeiras. Agardamos que o tempo acompañe e que a xente aproveite para visitar e coñecer Rinlo, unha das parroquias máis pintorescas e emblemáticas do noso concello”.

O percebe poderá degustarse a partir das 12 do mediodía. Haberá unha carpa, como todos os anos, onde se servirán os percebes. En total poranse á venda de 700 a 750 kilos ao prezo de 13 euros a ración, que é de 250 gramos.

Exit mobile version