Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobadas por unanimidade dúas mocións presentadas polo PSOE de Barreiros no pleno celebrado este xoves

Barreiros, 31 de xullo de 2015.- Dúas mocións presentadas polo GM do PSOE foron aprobadas por unanimidade no pleno celebrado o pasado xoves no Concello de Barreiros, unha delas en defensa do sector lácteo galego onde os socialistas propoñiamos que se esixise ao goberno a modificación do decreto do “paquete lácteo” para convertelo nun verdadeiro instrumento que regule as relacións contractuais entre produtores e industrias, e se instase ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a desenvolver un plan coas comunidades autónomas que garanta unhas condicións dignas na recollida e posterior venta da produción leiteira, onde a duración mínima dos contratos sexa de dous anos.

A outra para instar ao Goberno galego para que se dirixa ao de España, demandando unha revisión da lexislación de espectáculos e das licenzas de actividades das orquestras e das festas populares e unha regulación fiscal que atenda ás peculiaridades dun sector que, dentro das actividades musicais, é o que mais recursos e mais empregos xera en Galicia, con unha facturación en torno aos 60 millóns de euros e dando traballo a máis de 7.000 persoas relacionadas co mundo do espectáculo.

Ambas foron aprobadas por unanimidade.

Na outra moción que presentabamos de urxencia- explica a voceira socialista Maria Carmen Veiga- para pedir a retirada da lei mordaza, o grupo de goberno do PP non considerou que fose urxente abrir debate sobre o tema, xa que, segundo eles, non afecta aos veciños de Barreiros.

Que unha das leis mais restritivas das aprobadas polo goberno de Rajoy, non mereza a urxencia de debate baseándose en que non afecta a barreiros resúltalle pouco mais que surrealista á voceira socialista. “Unha lei estatal afecta por igual a un veciño de barreiros que a outro de calquera lugar de España, incluso a ONU, urxe a España a retirala considerando que restrinxe de maneira innecesaria e desproporcionada liberdades básicas como o exercicio colectivo de liberdade de opinión e expresión propios dunha sociedade libre e democrática, mediante manifestacións pacificas, por exemplo, e ademais é unha lei sobre a que o Tribunal Constitucional acaba de admitir a tramite un recurso no que se considera que vulnera un total de doce artigos da Constitución, non é compresible que non se queira debater no concello de Barreiros” di Maria Carmen Veiga.

No punto incluído na orde do día de modificación de crédito o PSOE votou en contra pois eses 300.000 € que se aforran dos intereses tras aumentar o período de pago do crédito a provedores, non se destinan aos servizos básicos para mellorar a calidade de vida dos barreirenses, senón a tapar furados da mala xestión do alcalde.

Exit mobile version