A Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC, dependente da Deputación, abriu o prazo de preinscrición de matrícula para o curso 2015-2016, que será gratuíta por oitavo ano consecutivo. A EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanza da rama audiovisual, ofrece 44 prazas dos ciclos superiores de Realización e Produción de Audiovisuais e Espectáculos. As titulacións necesarias para estudar na Escola da TIC son bacharelato, técnico superior ou universitaria.
Todos os interesados teñen de prazo ata o 25 de xuño para apuntarse. Deberán presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso dispoñible na web da Fundación (www.fundaciontic.org) ou na propia Escola. A documentación debe entregarse na sede do centro, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n de Lugo.
Prazo de matriculación
A listaxe provisional de admitidos, de solicitantes que quedan en lista de espera e de excluídos publicarase o 29 de xuño no taboleiro de anuncios do centro e na web da TIC. O 30 deste mes e o 1 de xullo estará aberto o prazo de reclamacións, e o día 3 publicarase a lista definitiva. A matrícula poderá formalizarse dende o 6 ao 17 de xullo, na sede do centro educativo en horario de 09.00 a 14.00 horas. Tanto o impreso como a documentación correspondente poden descargarse na web da Fundación.
No caso de que haxa máis demanda que número de prazas a prioridade para a matriculación será a seguinte: mellor nota media no bacharelato; empadroamento nun dos concellos da provincia de Lugo; sexo con menor presenza na rama profesional; e unha entrevista.
Ensino público de calidade
A Deputación manterá a gratuidade da matrícula por oitavo curso consecutivo para todos os alumnos, agás os repetidores. Deste xeito, o organismo provincial aposta, un ano máis, por unha educación pública de calidade. A Escola de Imaxe e Son de Lugo imparte 2.000 horas lectivas, distribuídas en dous cursos formativos, nos que teñen moito peso as prácticas en escenarios reais. Entre os obxectivos prioritarios da Fundación está o de formar para a inserción laboral dos seus alumnos.