Site icon Crónica3.com A Mariña

Suárez Barcia asegura que o seu equipo “traballará arreo para non defraudar o enorme apoio recibido” nas eleccións deste 24 de maio

Ribadeo, 25 de maio de 2015. O alcalde, Fernando Suárez, fai unha valoración moi positiva dos resultados obtidos nas eleccións municipais de onte e subliña que o seu equipo “traballará arreo para non defraudar o enorme apoio recibido”.

O rexedor fixo unha valoración moi positiva dos resultados das municipais de onte: “quero expresar a miña satisfacción e a do meu grupo de goberno, dos homes e mulleres do BNG que nos presentamos a estas eleccións, que estamos moi orgullosos da voz do pobo, dos homes e mulleres de Ribadeo, que coas súas 2.887 papeletas da nosa lista e que poñen máis do 53% de todos os votos, nos dan unha forza e un ánimo tremendo. Agora, si cadra, con máis responsabilidade, porque con toda esta forza conseguimos 10 das 17 actas de concelleiros da Corporación”.

Suárez Barcia dixo que “todas estas actas van servir para seguir traballando por Ribadeo, para seguir transformando para ben tanto na vila como nas parroquias, para mellorar a participación cidadá, para seguir traballando como o viñemos facendo en medio ambiente, na cultura, na igualdade, no benestar… para que Ribadeo siga brillando con luz propia no mundo do turismo e para que, sobre todo, a xente, os homes e mulleres de Ribadeo se sintan dignos de vivir nun concello que non quere ser mellor que os demais, pero tampouco queremos ser menos que os demais”.

O alcalde tamén sinalou que “aí vai tamén un toque de atención a estas administracións que se dedicaron a poñernos paus nas rodas e ao final esas rodas romperon todos os paus”.

Fernando Suárez Barcia agradeceu “o traballo destes anos dos meus compañeiros e compañeiras de goberno, porque aínda que o alcalde é o que sae máis nos medios, nas fotos, nos diferentes eventos, ao pé do rexedor está o traballo abnegado do resto do equipo. Quero valorarlles e agradecerlles a todos a súa labor, especialmente aos que pola súa decisión propia non quixeron ir nesta lista en postos de saída como é o caso de Horacio Cupeiro, Teresa González e Xavier Campos. E saudar tamén aos novos compañeiro do equipo de goberno que entrarán coma concelleiros, así como ao resto de concelleiros e concelleiras do resto de formacións políticas, que resultaron elixidos polos veciños. De seguro que esta será unha Corporación moi renovada”. E engadiu: “imos seguir traballando arreo para non defraudar o enorme apoio recibido”.

Exit mobile version