Bruxelas, 28 de maio de 2015.- Na maña deste xoves 17 bombeiras e bombeiros do Estado español -un deles da Galiza- Grecia e Portugal denunciaron a través da xornada “Europa en chamas”, -impulsada por Podemos, Syriza, Bloco de Esquerda e Esquerda Plural, onde AGEe está integrada- as graves eivas presentes nos servizos de extinción de incendios, nomeadamente no sur de Europa.
Esta xornada, organizada xusto ás portas do inicio da campaña de verano, foi realizada co obxectivo de elevar o nivel de conciencia das institucións europeas e da cidadanía sobre a gravidade dos incendios forestais na Unión Europea (UE) e abordar a necesidade de mellorar e fortalecer os mecanismos europeos de información, coordenación e resposta; especificamente a necesidade de garantir unha maior eficacia e pertinencia das medidas preventivas contra os incendios forestais.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, que moderou a mesa adicada á análise da situación laboral dos bombeiros/as forestais, reivindicou posteriormente en rolda de prensa a necesidade do establecemento dun “operativo único, público e profesionalizado, con recoñecemento da categoría de bombeiro/a forestal para os traballadores/as e unha formación reglada e específica “, unha situación que, lamentabelmente, “na Galiza é totalmente a contraria, temos un sistema público-privado, con varias empresas ademais, mal coordenado entre si e que non presta suficiente atención á formación dos traballadores/as que se enfrontan a algo tan perigoso como é o lume forestal”.
A través da exposición das diferentes experiencias, constatouse que esta situación de tendencia á privatización do servizo e á precarización laboral das persoas que desempeñan as tarefas de prevención e extinción de incendios estase a dar tamén noutras zonas do Estado, Portugal e Grecia.
Alias, “a día de hoxe”, denunciou tamén a eurodeputada galega, “a imposición das medidas de austeridade por parte da Troika e a privatización dos servizos públicos abócanos a que haxa empresas que se estean a enriquecer a través dun servizo básico para a cidadanía como é o das emerxencias. O lume non pode ser un negocio”.
Ao fío da importancia fundamental da prevención en materia de incendios forestais, Senra reiterou que se ben as causas dos lumes “poden ser múltiples”, unha vez que o lume prende, “se o territorio está totalmente abandonado é practicamente imposible paralo. Dentro da prevención é fundamental promover e apoiar a instalación de labregos e labregas producindo alimentos, traballando a terra e coidando o monte.”
Nas intervencións houbo tamén espazo para adicar unha sentida lembranza aos bombeiros forestais falecidos durante a execución do seu traballo, a través da cal os traballadores/as presentes na xornada trasladaron toda a solidariedade do sector ás familias e seres queridos destas persoas.