RIBADEO, 6 DE MAIO DE 2015.- O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ribadeo -Roberto Ramos Piñeiro- comprométese a compensar o desequilibrio en servizos e investimentos que hai entre a vila e as parroquias do concello. Os socialistas ribadenses acaban de rematar unha rolda de reunións que mantivo coas asociacións de veciños do municipio.
Roberto Ramos explicou que “o desequilibrio entre as parroquias e a vila é unha das queixas que recibimos en todas as reunións que realizamos coas asociacións de veciños das parroquias, rolda de xuntanzas que finalizamos esta semana. Tamén recibimos queixas por non convocarse durante varios anos a mesa de asociacións de veciños, o que lles fai sentirse non escoitados. Sabemos que aproximadamente o 90% da extensión do noso municipio son as parroquias, nas que vive case o 40% da poboación. Existe un importante desequilibro en servizos e en investimentos entre a vila e as parroquias e nós queremos compensalo”.
O alcaldable socialista engadiu que “é fundamental coidar as nosas parroquias, as súas pistas de estradas e os seus servizos básicos: saneamento, traída de auga, alumeados, …. Nós comprometémonos a levar a cabo o mantemento e adecuación de todas as estradas e pistas pertencentes ao Concello e a xestionar ante as distintas administracións que sexan titulares doutras vías que tamén se realice nelas o mantemento axeitado”. Neste senso, indicou que “renovaremos a traída de auga e ampliaremos a rede de alumeado, especialmente nas parroquias, e destinaremos unha cuadrilla de persoal no servizo de obras para que realice labores de mantemento e reparacións exclusivamente nas parroquias”.
Outro tema que xurdiu nestas reunións coas asociacións de veciños é o da rede de saneamento. “Iniciaremos un ambicioso proxecto para prover de rede de saneamento a todo o municipio. Sabemos que se trata dun investimento moi importante pero debemos proxectalo xa e ir desenvolvéndoo pouco a pouco, pero sen pausa”, afirma.
Roberto Ramos comentou ademais que “tamén ampliaremos o servizo de limpeza e mantemento de mobiliario urbano, rúas, beirarrúas, áreas recreativas e cemiterio. E ampliaremos o servizo de recollida de residuos, aparellos e plásticos, ademais do lavado dos colectores de lixo, especialmente nas parroquias. Impartiranse cursos e obradoiros itinerantes nos teleclubes e comprométome a visitar polo menos cada tres meses todas as parroquias. Outro tema importante é a limpeza periódica dos ríos, polo que nos encargaremos de xestionar ante as administracións que competa este labor para solucionar dunha vez este asunto”.
O candidato socialista á alcaldía de Ribadeo rematou manifestando que “en definitiva trátase de devolver ás parroquias o protagonismo que se merecen e do que foron despoxadas nestes últimos anos”.