Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Ribadeo comprométense a impulsar a construción dun centro multiusos para que acolla diversas actividades e eventos

Ribadeo, 11 de maio de 2015.- Os socialistas de Ribadeo inclúen no seu proxecto de goberno o compromiso de impulsar a construción dun centro multiusos para acoller diversas actividades e eventos. O número 2 da candidatura do PSdeG-PSOE para o concello ribadense -David Fernández Feijoo- explica que “impulsaremos este proxecto para dar servizo ás distintas asociacións culturais, clubes e asociacións de comerciantes para poder realizar actividades e eventos”.

Trátase dunha reivindicación dende hai moito tempo deste tipo de colectivos. “Por desgraza en Ribadeo temos moitos días do ano nos que a climatoloxía nos impide levar adiante actos e eventos de índole cultural e lúdicos, relacionados co comercio e coa hostalería, incluso calquera tipo de feiras como as que hai nos concellos veciños”, sinala. E é que este centro multiusos “nace coa vocación de dar o soporte necesario a este tipo de actos, que actualmente dependen de instalacións provisionais ou que directamente se perden por non poder realizalos”, subliña David Fernández.

Deste xeito, o número dous da candidatura ribadense engade que “coñecemos esa necesidade e poñeremos todos os medios para realizar este proxecto, buscando un emprazamento axeitado, así como conseguindo o financiamento das administracións para levalo a cabo. Servirá como complemento ao sector servizos e potenciará as visitas desestacionalizadas á nosa vila”.

Exit mobile version