O rexedor indicou que “no día de onte comezaron a colocarse os algo máis de 50 bloques que van servir para prolongar en 20 metros o martelo do porto que separa a zona comercial da pesqueira. Esta obra é moi importante para mellorar a seguridade da dársena interior, a seguridade dos barcos cando estean alí atracados, de cara a evitar os efectos das correntes do mar”.
González Barcia lembrou que “esta obra foi adxudicada pola Xunta, en concreto por Portos de Galicia, por un importe de 483.000 euros e no seu día foi consensuada entre Portos, Absa, a confraría de pescadores e o Concello, que tamén estivo presente nas conversas e na toma de decisións”.
O alcalde burelés agarda que “entre hoxe pola tarde, mañá e o xoves queden todos os bloques colocados, os máis de 50 bloques, colocados xa no mar. E a partir de aí se comezaría a traballar en superficie para facerlle a escollera e que sexa útil e viable”.
José Mª González Barcia subliñou que “é unha obra enormemente importante para a seguridade do porto e é unha obra que terá continuidade no futuro cun martelo en diagonal desde a zona de Absa ata o que se está a prolongar nestes momentos. Desa nova obra se está a elaborar xa o correspondente proxecto”.