Así o denunciaron desde a propia localidade, o voceiro do Mar do Grupo Popular e secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro e o candidato á alcaldía e presidente dos populares ribadenses, Jesús López Penabad.
Balseiro dixo que o desenlace xudicial demostra que desde a Xunta bipartita e o propio alcalde, Fernando Suárez Barcia, obsesionado con para o proxecto, non actuaron con sensatez, rigor e respecto á terra. Pero é que ademais, sinala, esta decisión fixo perder un investimento millonario capaz de xerar riqueza e novas oportunidades de emprego, como se está a ver noutros puntos da Mariña, recentemente en Cervo.
Nacionalistas e socialistas actuaron con insensatez –aseguran desde o PP- porque as súas decisións produciron unha lesión dos dereitos e intereses dos propios ribadenses e dunha compañía disposta a investir na localidade. Ademais, sabían que nin a directiva comunitaria, nin a normativa estatal prohibían a instalación de plantas acuícolas en zonas Rede Natura, polo que adoptaron unha decisión arbitraria e negativa para este municipio.
Con todo, Balseriro o López Penabad si felicitan aos responsables da Xunta actual, que herdaron todo este proceso e foron quen, ao longo do correspondente procedemento xudicial de reclamación patrimonial, de reducir a contía da indemnización ata os 700.000 euros actuais, unha cifra inferior ás pretensións iniciais da empresa.
CADEA DE DESPROPÓSITOS
Desde o PP fan memoria e lembra o que definen como unha cadea de despropósitos, que se iniciou coa decisión do anterior Goberno autonómico bipartito -de BNG e PSOE- de deixar sen efecto a posibilidade de levar adiante a instalación da planta de acuicultura en Rinlo.
Naquel intre PSOE e BNG no goberno, deciden suspender a eficacia e a tramitación dos proxectos que, no marco do plan acuícola daquela vixente, deberan instalarse en espazos integrados na Rede Natura 2000.
A imposibilidade de executar os proxectos de Insuíña (Touriñan) e Acuinor (Ribadeo) fai que xurda, segundo interpreta o Tribunal Supremo, o dereito das empresas a recibir unha indemnización, que se traduce, fundamentalmente, en reparar os gastos realizados para a obtención e aprobación daqueles proxectos sectoriais.
SUÁREZ BARCIA, OBSTÁCULO PARA O EMPREGO
Finalmente desde o PP insisten en que tanto o acontecido co malogrado proxecto da piscifactoría de Rinlo como outros episodios protagonizados polo alcalde nacionalista, como a perda do obradoiro de emprego –por non entregar a documentación requirida en tempo e forma- e a non solicitude das brigadas forestais que subvencionaban a Xunta, demostran que o actual rexedor non ten nin o máis mínimo interese en aproveitar as circunstancias que se brindan para xerar novas oportunidades de emprego das que poderían beneficiarse os seus veciños.