Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide ao PSOE que deixe de manipular as respostas do Goberno Central

Lugo, 8 de maio de 2015.- O voceiro do PP no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro e o deputado nacional lucense, Joaquín García Díez, pediron na tarde deste venres ao PSOE que deixe de manipular as respostas do Goberno Central.

Os populares, os que ven nas declaracións dos socialistas un exemplo claro de demagoxia e falta de rigor, “algo propio das súas estratexias electorais”, explican que das respostas do Goberno ás preguntas presentadas no Congreso, en ningún momento se pode concluír que o Executivo desista de abordar a conexión por alta velocidade de Lugo con Madrid.

Facéndose eco do manifestado polo seu partido hai case un mes, “os que agora esixen, incumpriron gravemente con Lugo cando tiveron responsabilidades de Goberno”, en referencia aos socialistas, Barreiro e García Díez instaron ao PSOE a abandonar, dunha vez, a estratexia que pretenden emprender en época electoral, que non é outra que acudir á mentira e á demagoxia para prexudicar aos Gobernos do PP.

Voceiro do Senado e deputado, recordaron que o PSOE rexeitou as demandas referidas a priorizar investimentos en materia de ferrocarril para Lugo e tivo que ser un goberno do PP o que puxo en marcha un tren Alvia que conecta diariamente e en horario diúrno Lugo con Madrid.

Neste sentido, lamentaron, que agora, e en campaña electoral, os socialistas e especialmente o señor Orozco que é alcalde dende 1999 e o ex ministro e eurodeputado socialista, José Blanco que mantivo a carteira de Fomento durante os últimos anos dos gobernos de Zapatero, vingan a facer este tipo de manifestacións.

“Por moitas mentiras que agora pregoe o PSOE, os lucenses saben ben os que traballan e que deixan 40.000 millóns de débedas tras a súa xestión, os que van conseguindo melloras e avances en materia de comunicacións ferroviaria e por estrada e os que se dedicaron soamente a presentar Plans que nunca viron a luz” – concluíron.

Exit mobile version