A Mariña, 10 de maio de 2015.- O Partido Popular da Mariña lucense acusou este domingo ao BNG de volver a facer campaña electoral mentindo aos veciños sobre a sanidade pública da comarca.
Desde o PP aseguran que os nacionalistas fan uso repetido desta mesma estratexia cada vez que hai unhas eleccións e poñen de relevo a nula credibilidade do BNG cando falan da sanidade pública comarcal.
Así lembran que, sempre coincidindo cunha campaña electoral o BNG repartiu incluso folletos cos que intentaba enganar aos veciños alertando sobre un falso peche do hospital, isto é, o discurso do medo en algo tan serio como a saúde.
Desde o PP lamentan que o BNG siga metendo medo á xente e polemizando e realizando afirmacións que son directamente falsas e non se corresponden coa realidade, como por exemplo, que o Hospital da Costa se converterá nun simple ambulatorio.
NOVOS SERVIZOS E AMPLIACIÓN
O PP da Mariña indica que o verdadeiro compromiso coa sanidade pública comarcal o ten demostrado a Xunta que, baixo a presidencia do Partido Popular, achegou máis de 2,2 M€ en obras e novos servizos, como por exemplo son a nova sala de oncoloxía, para tratamentos de quimioterapia (que incluso amplía a súa atención) ou o novo servizo de hospitalización a domicilio entre outros.
Sinalan tamén que mentres outros prometen comprometerse co Hospital o PP demostra este compromiso con feitos, como é o caso, da recente aprobación –e presentación por parte do Presidente da Xunta- do plan director para a ampliación e remodelación do Hospital da Costa, probablemente o proxecto máis ambicioso dos últimos tempos na comarca.