Santiago, 27 de maio de 2015.- O Grupo Popular apoiou este mércores a aprobación polo Pleno do Parlamento dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno central para que presente unha demanda diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos contra o Estado noruegués por incumprir o Convenio Europeo de Dereitos Humanos en canto á vulneración da prohibición de discriminación por razón de nacionalidade, logo de que non recoñeza o dereito ao cobro dunha pensión ou contraprestación económica dos mariñeiros galegos que traballaron nos buques de bandeira norueguesa en data anterior a 1994.
O deputado popular Vidal Martínez-Sierra reiterou a solidariedade do PPdeG coa acción levada a cabo tanto polos mariñeiros a título persoal, como a través da asociación Long Hope, “que entendemos que non busca outra cousa que o recoñecemento dun dereito, que por razón de xustiza lles corresponde”.
Posición insostible
“Xa dicíamos que nos parecía insostible a posición de Noruega en relación con este asunto, e que as escusas dadas son máis ben propias dun mal pagador e impropias dun país, que presume de ser respectuoso cos dereitos humanos, xa que, no caso doutros países, en casos similares, non existiu ningún inconveniente á hora de recoñecer estes dereitos”, indicou o deputado popular.
Deste xeito, manifestou que “as cantidades adebedadas, aínda que importantes para os afectados, non supoñen ningún problema para un país como Noruega, de elevada economía, por moito que o seu pago supoña abrir unha porta ás reclamacións futuras de mariñeiros doutros países”.