Burela, a 10 de maio de 2015. O equipo de goberno burelés, do Partido Popular, afirmou este domingo que “somos coñecedores do problema que suscita a petición da ANPA do Virxe do Carme, e estamos xestionando a solución”.
Desde o goberno burelés afirman que “o propio Concello, con persoal propio, actuou no edificio para tentar solventar o problema; de feito, limpáronse os canalóns de desaugue e as baixantes, pero ante a reiteración do problema puxemos o asunto en coñecemento da Xefatura Territorial de Educación da Xunta, que é órgano competente para aportar solucións”.
O goberno local de Burela apunta que “tanto este asunto como outro no IES Monte Castelo con certas similitudes están na nosa axenda, e estamos seguros que as xestións serán positivas. No seu día, xestionamos, e para ben, o cambio da cuberta do CEIP Vista Alegre, que xa está feita, e tamén a ampliación do IES Perdouro, que se realizará este ano. Entre as dúas, 540.000 euros. Por iso cremos que as xestións dos asuntos do Virxe do Carme e do Monte Castelo chegarán tamén a bo porto, máis cedo ca tarde”.
Desde o Equipo de Goberno burelés afirman que “a Anpa do Virxe do Came sabe que conta con todo o noso apoio, neste asunto das filtracións e tamén noutros, xa que fixemos a zona de xogos do centro, renovamos a pista descuberta, pintamos o interior do pavillón, e agora imos comezar coa renovación dos vestiarios do pavillón, ademais de ter presentado xa ante a Xunta o proxecto de renovación do teito do propio pavillón, e tamén se lles aporta unha subvención municipal”.