Cervo, 28 de maio de 2015- Esta semana finalizaron os cursos da piscina que se levan impartindo dende o mes de outubro nas instalacións deportivas da Veiga e esta tarde o Concello clausurou esta actividade coa tradicional entrega de cartillas aos participantes.
En total asistiron aos cursos uns 80 nenos e nenas divididos en diferentes niveis da Escola Infantil Municipal de Natación asociados a animais acuáticos (cangrexo, pato, tartaruga, foca, delfín e tiburón, segundo as habilidades acadadas). Ao mesmo tempo, recolleron diplomas os nenos que asistiron a cursos de perfeccionamento nos niveis 1 e 2.
Dende o Concello aproveitan para felicitar a todos os participantes dos cursos “polos seus avances na natación e por cumprir os obxectivos deportivos marcados nesta temporada” e animan a “aproveitar as instalacións da piscina e seguir asistindo aos cursos na próxima temporada”.
Cabe lembrar que esta foi a clausura dos cursos infantís, pero que na oferta de actividades da piscina inclúese tamén cursos para adultos como iniciación e perfeccionamento ou aquagim. Uns cursos cos que o Concello pretende seguir incrementando o nivel de utilización das instalacións así como o número de socios, que no mes de abril ascendeu aos 817. Unha cifra destacable especialmente se temos en conta a subida progresiva no número de socios dende abril de 2011, cando había 591 asociados.