Foz, 4 de maio de 2015.- O Kayak repite o terceiro posto na xeral de clubs. O pasado venres 1 de maio disputouse, nas instalacións da Escola de Piragüismo Lucense, a segunda regata da V Copa Deputación de Lugo de Piragüismo 2015 na que o Club Kayak participou con 23 regatistas.
Os 151 padexeiros inscritos na regata preparáronse, a primeira hora da mañá, para gozar dunha nova xornada de competición. En xogo, a honra de vencer nas respectivas categorías e achegar os máximos puntos posibles para os seis clubs inscritos. A chuvia fina acompañou regatistas e acompañantes ao longo de toda a mañá complicando, por momentos, a situación.
Como estaba previsto a regata dividiuse en catro saídas: ás 10:00 da mañá era a quenda de benxamíns e crías home e muller. Ás 10:30 saíron os infantís home e muller. Os cadetes, xuvenís, veteranos home e muller e as mulleres sénior tomaron a saída ás 11:00 da mañá e os homes sénior fixérono ás 11:30 horas. As distancias tamén variaron en función das categorías. Así, os benxamíns e crías tiñan que cubrir unha distancia de 1500 metros, os infantís tiñan que percorrer 3000 metros e o resto de participantes 5000 metros.
A actuación do Club Kayak de Foz foi excelente. Os bos resultados de todos os padexeiros, entre os que destacan as sete medallas obtidas – tres de ouro, unha de prata e tres de bronce -, fixeron que o club alcanzase por segunda vez consecutiva o terceiro posto na clasificación por clubs, unha posición que o Kayak espera mellorar nas próximas competicións xa que estas se disputarán en datas máis próximas ao verán que é cando o club ve incrementado o seu número de fichas.