O BNG fai unha valoración moi positiva dos resultado obtidos nas eleccións municipais celebradas este domingo. A organización nacionalista obtivo 825 votos, 183 máis que hai catro anos, e obtén dous concelleiros, un máis que nas pasadas eleccións municipais, quedando ás portas da terceira acta por só 18 votos. En termos porcentuais, o BNG mellora os resultados obtivos en 5 puntos, pasando do 13% ao 17% dos votos. Deste xeito, o BNG mellora tamén os resultados en termos de representación, ao obter dúas actas e quedando a escasos votos da terceira”.
Mario Pillado e o conxunto da candidatura queren agradecer a todas as persoas que deron o seu apoio ao BNG, pola confianza depositada no proxecto nacionalista. Pillado destacou os resultados obtivos e adiantou que “o BNG seguirá traballando a pé de rúa, para dar voz aos veciños e veciñas durante estes catro anos”.
O PP recibe un duro castigo por parte da veciñanza e perde a maioría absoluta
O PP sofreu un forte retroceso en Burela, ao pasar de sete a catro concelleiros e perdendo a maioría absoluta. Pillado sinalou que “son os peores resultados do PP na historia de Burela, perdendo 928 votos con respecto a hai catro anos e pasando do 46% ao 29% dos votos, 17 puntos por baixo dos resultados obtidos nas pasadas eleccións municipais”. “Os veciños e veciñas tomaron nota da pésima xestión do PP á frente do Concello e castigaron un goberno municipal que deu as costas á xente durante estes catro anos”, indicou Pillado.
O BNG destaca que Burela votou polo cambio, como se deduce dos resultados obtidos polo BNG e PSOE, que acadan unha e dúas actas máis, respectivamente. Desde a formación nacionalista poñen en dúbida que a maioría absoluta do PSOE sexa o mellor resultado para Burela, máis aseguran que “o BNG fará unha oposición seria, responsábel e construtiva, e que se fará un control rigoroso da xestión do goberno”. “O BNG vai continuar o traballo desenvolvido durante estes catro anos, en contacto coa xente, e traslando ao Concello aquelas iniciativas que sexan de interese xeral e beneficien ao conxunto dos veciños e veciñas de Burela”, salientaron desde a formación nacionalista.