Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG do Valadouro presentou a súa candidatura para as municipais

BNG O Vro 2015Valadouro, 4 de maio de 2015.- O sábado 2 de maio tivo lugar no Valadouro o acto de presentación da candidatura do BNG. O actual concelleiro, Eduardo Chao será de novo o alcaldábel, rodeado de novas incorporacións.

No acto estiveron presentes Ana Ermida (responsábel comarcal do BNG), Xoán Estua (vicerresponsábel comarcal) e Antonio Veiga (vicepresidente da Deputación).

Abriu o acto a persoa máis nova da candidatura, Sonia Fernández, profesional da animación sociocultural; quen fixo fincapé nas dificultades que atopa a mocidade para poder asentarse nos concellos rurais pola falta de emprego, carencia de servizos sociais e a pervivencia de prácticas caciquís.

A continuación Eliseo Teijeiro, traballador do aluminio en San Cibrao e segundo na candidatura, animou o público presente a apoiar o proxecto nacionalista no Valadouro para conquerir todas aquelas reivindicacións polas que xa loitaron dende a oposición, nomeadamente o desbloqueo do proxecto do polígono industrial, a consecución de servizos sociais básicos para asentar poboación, comezando pola consulta de pediatría no centro de saúde local, e continuar afondando no artellamento de orzamentos participativos, para que sexa a cidadanía quen decida en que se invisten os propios recursos, xa que son os cidadáns quen mellor coñecen as carencias do municipio.

Pechou a presentación Eduardo Chao, quen fixo un repaso deste mandato marcado pola moción de confianza e o conseguinte cambio na alcaldía. Criticou con dureza a pasividade do goberno do PSOE, e por riba de todo, a falta de seriedade á hora de respetar as decisión dos cidadáns expresadas nas reunión dos orzamentos participativos, xuntanzas realizadas a proposta do BNG, mais neutralizadas á mantenta polo alcalde ao non desenvolver ningunha das iniciativas expresadas polo pobo.

Para o candidato á alcaldía, os eixos fundamentais para dinamizar O Valadouro e sacalo da parálise ao que o someteron os sucesivos gobernos da dereita e agora o socialista, son claros:
-Fomento do emprego -nomeadamente xuvenil- e afianzamento dos servizos sociais co obxectivo de favorecer o asentamento de poboación moza.
-Traballar no desenvolvemento da unificación con Alfoz. Esta vella reivindicación do BNG está máis vixente que nunca dende que a Xunta iniciou o proceso de fusións municipais. O Valadouro debe optar pola reunificación da comarca natural do val do río Ouro, e non permanecer pasivo ante as directrices que cheguen dende institucións autonómicas.
-Reiniciar definitivamente o polígono industrial (infraestrutura proxectada pola conselleira do BNG no bipartito autonómico 2005-2009) para asegurar o tecido industrial local e non forzalo a investir fóra do municipio como na actualidade.
-Escoitar e materializar as decisión da cidadanía a través dos orzamentos participativos, proxecto iniciado no actual mandato a proposta do BNG e obviado á hora da execución polo goberno do PSOE.

CANDIDATURA DO BNG. O VALADOURO
1 – Eduardo Chao González. Sector do aluminio.
2 – Eliseo Teijeiro Orol. Sector do aluminio.
3 – Iván Lozano Iglesias. Sector do aluminio.
4 – Sonia Fernández González. Monitora sociocultural.
5 – Emilio Novo Pérez. Sector do aluminio.
6 – Jorge Eiroá Balseiro. Louseiro.
7 – Roberto Anello Quende. Desempregado.
8 -Carlos Cornide Pumares. Fotógrafo.
9 – Ruth Rodríguez Bermúdez. Veterinaria. 
10 -Javier Expósito Pernas. Enxeñeiro.
11 -Miguel Mogo Sixto. Sector do aluminio.

Suplentes
José Manuel Fernández Lorenzo. Enxeñeiro.
Vanesa Rodríguez Dorado. Celadora sanitaria.

Exit mobile version