Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros convoca ás asociacións a unha reunión o mesmo día que propoñían para o debate entre candidatos

O BNG de Barreiros vén de realizar o envío dunha carta ás asociacións organizadoras do debate previsto para o venres 15 de maio e que, finalmente, debido á negativa do candidato do Partido Popular, non pode celebrarse.

“Trasladamos nela o noso agradecemento polo traballo realizado, así como a convocatoria, recollendo o emprazamento que elas mesmas facían, para unha reunión con asociacións o propio venres 15 de maio, aproveitando a previsión feita. Esta convocatoria será pública e aberta a calquera asociación ou colectivo de Barreiros, podendo expoñer e preguntar o que consideren sen ningún tipo de limitación de formato ou número”.

Estimadas veciñas,
Estimados veciños;

Dirixímonos a vós a raíz do convite que recibimos por parte das asociacións que representades para participar nun debate electoral público entre as persoas que encabezamos as candidaturas que se presentan no concello de Barreiros.

En primeiro lugar, queremos parabenizarvos publicamente pola vosa iniciativa, traballo e por poñer o voso tempo e disposición para lograr que en Barreiros puidera desenvolverse un acto destas características que nunca antes se plantexara deste xeito. Polo tanto, agradecervos enormemente a vosa disposición a traballar polo ben común e a pulcritude coa que se desenvolveu todo o proceso.

Desafortunadamente, non podemos estar facendo este agradecemento en público no propio acto, xa que parece que o candidato do Partido Popular non acepta as normas que acordástedes participativa e democraticamente.
En calquera caso, como fixemos desde o primeiro momento, desde o BNG- Asembleas Abertas amosámonos en disposición de manter con vós, como xa fixemos coas veciñas e veciños que o desexaron en actos nas parroquias, calquera tipo de reunión para contrastar e coñecer propostas e preocupacións.

Se por algo se caracteriza o BNG é por escoitar e explicar publicamente o que sexa preciso e, nese sentido, tíñamos previsto un acto con asociacións que paralizamos no momento en que coñecemos a iniciativa que promovíades, coa intención de non interferir na mesma.

Dado que, finalmente, non pode levarse a cabo, aproveitamos xa a oportunidade que nos brindades para anunciarvos a convocatoria pública dun acto do BNG-Asembleas Abertas dirixido a todas as asociacións que o desexen o vindeiro venres, 15 de maio, ás 21 horas no Centro Sociocultural de San Cosme. Alí poderedes trasladar o que consideredes, coñecer as nosas propostas e preguntar, sen ningún tipo de limitación de forma ou número, o que estimedes.

Como sempre fixemos, desde o BNG queremos reiterar a nosa disposición para o que precisedes e o noso agradecemento polo traballo desinteresado que estades realizando, logrando un concello máis vivo, dinámico e atractivo.

Sen outro particular, recibide unha fonda aperta;

Ana Ermida Igrexas.
Candidata do BNG-Asembleas Abertas en Barreiros

Exit mobile version