Bruxelas, 04 de Maio 2015.- Na xuntanza da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo celebrada na tarde deste luns en Bruxelas, desenvolveuse a modo de audiencia pública un debate ao redor da proposta de simplificación da Política Agraria Común (PAC) baixo o título “Como simplificar a PAC?”.
O debate xirou en torno á presentación en dous paneis. O primeiro deles, “A simplificación da PAC dende o punto de vista dos labregos/as”, contou ca participación como experto de José Miguel Gonçalves Pacheco, membro da dirección nacional do sindicato agrario portugués Confederação Nacional da Agricultura (CNA) -integrado na Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC)- que interveu convidado pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, na súa responsabilidade como coordenadora da Comisión de Agricultura para o Grupo da Esquerda Unitaria-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).
En liña co valorado por Senra na Comisión de Agricultura do pasado 24 de marzo ao respeito deste mesmo tema, Gonçalves comezou a súa intervención subliñando que a primeira crítica ao proceso de simplificación é a propia limitación do mesmo.
Para a Coordenadora Europea Vía Campesina, da cal Gonçalves é membro tamén do Comité Coordenador, o exceso de burocracia da PAC actual, principal argumento para levar adiante a súa simplificación, é inherente á súa propia estrutura, polo que non cuestionala limita de tal xeito o alcance dunha posíbel simplificación que nos levaría mesmo valorar se o propio proceso de simplificación ten algunha utilidade. “A orixe da burocracia está nas decisións políticas tomadas, e isto non se resolve milagrosamente por decisións técnicas de aplicación”, lembrou.
Gonçalves cuestionou igualmente a idoneidade do momento actual para realizar este proceso, posto que a PAC está inda nun momento tan incipiente que “non se pode validar con plenitude a aplicación, os impactos, o cumprimento dos obxectivos trazados e a cabal resposta desta reforma”. Asemade, sinalou tamén as súas dúbidas ao respeito dos efectos da simplificación, salientando que moi posibelmente esta verase reflectida nunha “axilización do control por parte dos Estados”, mais sen embargo o impacto “será moi diminuto para as labregas/os e as explotacións familiares”.
Non obstante, e malia a deixar claro a súa disconformidade co contexto no que se está a dar este proceso, na súa achega como experto convidado avogou porque a simplificación dos trámites da PAC sexa dirixida esencialmente ás explotacións máis pequenas e ás producións orientadas á comercialización e consumo de proximidade, acadando “un tratamento diferenciado na aplicación de regras, tendo en conta a dimensión das explotacións pero tamén o destino das producións, diferenciando se están orientadas ao consumo interno, ao mercado europeo ou a terceiros países”.
Finalmente, o representante da Coorderadora Europea Vía Campesina expresou hoxe na Comisión de Agricultura que a simplificación da PAC so tería sentido “nun contexto de reforma intermedia da mesma, e non estamos dacordo en que o presente proceso de simplificación poda substituír ou invalidar dita reforma”.
Pola súa banda, a eurodeputada de AGEe denunciou novamente que as medidas de flexibilización ás que se poden acoller os Estados dentro do proceso de simplificación da PAC están a ser empregadas a día de hoxe polo Estado español “para eliminar as axudas das pequenas explotacións”, é dicir, xustamente as explotacións que perciben menor contía de axuda, xa que “pretenden eliminar da percepción de axudas da PAC a todas aquelas ás que lles corresponda menos de 300€ “. A día de hoxe estímase que aproximadamente 15.000 explotacións na Galiza, unhas 30.000 en todo o Estado, ficarían excluídas destas axudas.
A eurodeputada de AGEe reiterou que este plantexamento “é totalmente inasumíbel”, e transmitiu a necesidade de que a flexibilización “non se utilice para eliminar ás explotacións máis pequenas”, reivindicando que dita simplificación da Política Agraria Común tense que facer “para facilitarlle a vida aos labregos e labregas que teñen que facer a solicitude da PAC”, e que deberá materializarse tamén en aspectos como a facilitación da tramitación para as labregas e labregos, a través de organismos públicos.