Site icon Crónica3.com A Mariña

Este martes coñeceranse os nomes dos gañadores do I Concurso de Debuxo que convocou Acisa para celebrar o Día da Nai

040515 Foto madre Ribadeo 2Ribadeo, 4 de maio de 2015.- O xurado reunirase este martes para elixir os gañadores do I Concurso de Debuxo, que convocou Acisa para celebrar o Día da Nai. Os participantes tiveron de prazo ata este domingo a mediodía para entregar os seus traballos nos comercios asociados. O concurso estaba dirixido a niñ@s con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Acisa estableceu 2 categorías: unha para nenos e nenas de 3 a 6 anos e outra de 7 a 12 anos. Haberá 4 premios, dous por categoría, consistentes en bonos de beleza valorados en 100 e en 50 euros para as mamás dos gañadores, que poderán gozalos en dous centros asociados a Acisa: en IMAGN 365 e en Perruquería Carmen. Os debuxos premiados recibirán un diploma de recoñecemento.

O xurado, formado por profesores de plástica dos centros Sagrado Corazón e Gregorio Sanz reunirase este 5 de maio ás 17 horas para decidir os traballos gañadores. Do xurado tamén formará parte David Rivas Peña, deseñador e artista plástico. A directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo agradece “a todos eles a súa acollida e a súa participación connosco neste concurso”.

Acisa tamén celebrou o día da nai repartindo flores. Os encargados de facelo foron os propios establecementos comerciais, eles entregaron flores aos seus clientes e ás mamás onte domingo e puxeron a nota de cor nas rúas da localidade. Acisa agradece a todos os locais a súa participación nesta cita.

Exit mobile version