BARREIROS, 23 DE ABRIL DE 2015.- A candidata socialista á alcaldía de Barreiros -Mª Carmen Veiga- criticou hoxe a postura do actual alcalde do PP ao non aceptar asistir ao debate de alcaldables proposto por 23 asociacións do municipio.
Para Veiga “esta é unha mostra máis do xeito de gobernar de Fuente Parga, de costas ao pobo, sen propostas que presentar ante os veciños e veciñas de Barreiros. E isto é o que pretende facer os vindeiros catro anos, facendo unha política baseada medo, promovendo o clientelismo e o amiguismo fronte ao goberno transparente e con propostas reais que propoñemos nós”. E engadiu, “a súa negativa ao diálogo é unha falta de respecto ao conxunto da cidandanía, xa que foi unha proposta que naceu dos nosos veciños e veciñas, que non o esquezamos, son os que nos aportan a nosa lexitimidade como representantes”.
Aberta ao diálogo coa veciñanza
Ante a negativa do político do PP, a candidata socialista manifesta a súa disposición para “manter unha asemblea aberta cos veciños e veciñas de Barreiros que así o desexen e atender ás súas preguntas sobre o noso programa electoral, un programa baseado na realidade e sen nada que agochar”.