Viveiro 5 de maio de 2015.- Presentación de tódalas candidaturas populares dos concellos mariñáns esta tarde no teatro Pastor Díaz de Viveiro. Ante un abarrotado salón e no que participou o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, o líder dos populares lucenses, José Manuel Barreiro eloxiou tódalas listas populares dos distintos municipios mariñáns, que concorren as vindeiras eleccións municipais.
“Temos os candidatos e as mellores listas para gobernar”- manifestou o número un dos populares lucenses, quen destacou o compromiso, a seriedade e a capacidade de traballo de tódolos equipos para gobernar e satisfacer as necesidades dos veciños.
Barreiro agradeceu a Núñez Feijoo a súa lealdade e compromiso coa Mariña Lucense e cargou duramente contra o secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, a quen acusou de castigar e discriminar a todos os concellos que non son da súa cor política.
“Castigou a un alto porcentaxe dos mariñáns porque a meirande parte destes municipios están gobernados polo Partido Popular”.- sentenciou, Barreiro, que o acusou de dar as costas aos mariñáns tras aplicar políticas sectarias e partidistas, empregadas única e exclusivamente en beneficio persoal e círculos próximos.
Neste senso o popular criticou que Besteiro presuma de deixar unha Deputación con débeda cero cando o que fixo foi “deixar colocados aos seus amigos en detrimento de todo persoal”, e proba disto dixo, “vese na suba salarial aos 90 traballadores afíns”.
Manifestou o presidente provincial que proba destas marxinacións vese claramente nas inversións realizadas polo goberno autonómico fronte a Deputación de Lugo nestes anos.
“Xa que estamos en Viveiro poño como exemplo este Concello. Aquí o Goberno de Feijoo invertiu 25 veces máis ca Deputación”- explicou Barreiro, quen recalcou que a Xunta de Galicia é o goberno que máis apostou por este concello cunha achega en seis anos de 97,2 M€ fronte aos 3,8 M€ do goberno bipartito do Ente provincial.
O popular instou a tódolos presentes a traballar duramente para seguir gobernando nuns concellos e acadar a maioría absoluta noutras e insistiu en que A Mariña, xoga un factor importante para que o PP goberne na Deputación de Lugo.