Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Reigosa, novo cronista oficial da Cidade de Mondoñedo

Acto de presentación do Cronista Oficial da Cidade
Salón de Plenos, Casa do Concello de Mondoñedo, 8 de maio de 2015, 19:30 h.
Antonio Reigosa

Sr. Alcalde, señoras concelleiras, señores concelleiros, familiares, amigas e amigos, veciños e veciñas de Mondoñedo que hoxe nos acompañades:

Permitídeme, en primeiro lugar, agradecerlle á corporación municipal de Mondoñedo en exercicio o terme agasallado, sinalándome co para min distinguido e prestixioso título de Cronista Oficial de Mondoñedo.
Aínda non sei moi ben en que calidades repararon, nin cales poden ser os meus méritos para merecelo. Non o digo por inmodestia senón porque eu e vós sabemos que hai varias e varios mindonienses con máis currículo, coñecementos e afectos ben probados para con Mondoñedo para seren elas ou eles os elixidos.

Tras a vosa decisión, que eu aceptei e acepto aquí publicamente, quero expresar a miña gratitude á actual corporación municipal pola decisión pero tamén pola forma elegante en que resolvestes, e, en segundo lugar, dicirvos que, como non pode ser doutra maneira, me comprometo aquí diante de vós, que representades a todas e todos os mindonienses, e diante dos aquí presentes, a que a encomenda que me facedes poderá ser atendida con desacerto pero nunca con desgana ou desinterese.

Son consciente de que me facedes herdeiro non só dun título, senón dunha responsabilidade á que debo procurar corresponder. O meu nome únese a unha longa nómina de persoeiros, algúns tan extraordinarios que co seu quefacer e coa súa obra deron e dan brillo a Mondoñedo.

Isto ten avantaxes, moitas, é ben certo, pero tamén algúns inconvenientes.

Por exemplo, cando alguén quere facer algún comentario sobre algún dos meus traballos, eu agradézollo, xa ora, pero a conversación pode rematar co meu orgullo ferido.

Se o meu interlocutor non sabe onde nacín e acaba descubrindo que foi en Mondoñedo, indefectiblemente, dirá algo parecido a isto:

—Home, claro; así calquera! Sendo de Mondoñedo non ten mérito!

E teñen razón. O mérito teno esta terra e esta cidade que sen necesidade de recuar para buscar as orixes alá no profundo da prehistoria, nin no período da romanización, nin sequera nos primeiros séculos da Idade Media (e mirade que temos patrimonio nestas etapas), este núcleo urbano xa cumpriu 903 anos como tal desde aquel ano 1.112 cando dona Urraca ordena trasladar a sede bispal aquí, a Vilamaior.

Xa van aló 859 anos gozando do título de cidade e outros tantos nos que se veñen celebrando sen interrupción as Feiras das San Lucas, e xa 474 anos des que hai Quendas.

Mondoñedo foi capital de provincia por case 300 anos, viu nacer a Pascual Veiga, o autor da música do himno galego, e celebrou a primeira festa da árbore de que hai memoria aló polo 1.569.

Se aquel incidente na Ponte do Pasatempo coa muller ou filla de Pedro Pardo de Cela cambiou o rumbo de Mondoñedo hai máis de 500 anos, outra ponte, a da autovía A8, que tamén paira sobre o trazado da vella calzada romana, debería volver a cambialo, pero desta vez para invertilo. Precisamos a forza do vendabal (o ventus validus, que diría Cunqueiro) que bate no viaduto de Lindín para empurrarnos con velocidade extra cara o futuro.

No século XV entrou por este camiño un perdón para o mariscal que foi burlado na Ponte do Pasatempo por intereses espurios; e o mariscal foi decapitado.

Agora, o Viaduto Balcón de Mondoñedo, en atinada metáfora de Paco Piñeiro, érguese altivo e desafiante sobre o val, pero non nos vai enganar aínda que polo de agora só sirva para traer e levar a algures, pero non a Mondoñedo.

Mondoñedo tivo (e ten, aínda que en desuso na actualidade) un Seminario desde o que se impartiu docencia uns 440 anos, o terceiro fundado en España, que aínda que creado ao abeiro, coma todos, da Contrarreforma acordada en Trento, resultou ser para Mondoñedo unha verdadeira Universidade con grande influencia tanto na formación do clero como na de moitos segrares. A súa biblioteca, que conserva 31 incunables e 20 mil e pico volumes, é un patrimonio inmenso de incalculable valor bibliográfico.
No Seminario de Mondoñedo formouse xente da igrexa como Xosé Crecente Vega ou Daniel Pernas Prieto, pero tamén figuras de grande influencia na vida civil, política e cultural como Nicomedes Pastor Díaz, Luis de Trelles Noguerol, Patricio Delgado Luaces “Xan de Masma”, Manuel Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Trapero, Xosé Mª Díaz Castro ou o vilalbés Lois Peña Novo, un dos fundadores en 1916 das Irmandades da Fala.

Tamén é certo que non todos os mindonienses de mérito tiveron necesidade de pasar polo Seminario, pois alén del floreceu o enorme verxel literario que se chama Álvaro Cunqueiro, varias ducias de poetas, pintores, músicos ou artesáns e artistas populares, entre os que deben estar os nomes de Pascual Veiga, José Antonio Lodeiro Piñeiroa, Graciano Fraga Veiga, José Mª Rodríguez González …e outros afortunadamente vivos como Marina Mayoral, Xe Freyre, Antón Meilán, Armando Requeixo, Francisco Piñeiro, Fran Bouso, Juan Puchades, Xosé Artiaga, Xosé Vizoso, Caxigueiro, José Mª Palacios, Isabel Morán, Alicia Puchades, Ernesto González Torterolo … e tantas e tantos outros que lle deben a súa formación, nalgúns casos incluso aos nunca debidamente recoñecidos mestres e mestras das escolas rurais, e ao profesorado do ensino público, tanto desde o CEIP “Álvaro Cunqueiro” como desde o IES “San Rosendo”.

Mondoñedo sempre tivo quen lle escribise; grandes plumas que coa súa obra engrandeceron a un tempo o nome do autor e o do seu lugar de nacemento.
Uns anos antes de fundarse o Seminario, entre 1537 e 1545, foi bispo de Mondoñedo Frei Antonio Guevara, un auténtico sabio do Renacemento quen coas súas obras, traducidas ás principais linguas europeas, tivo gran recoñecemento e influencia na Europa do século XVI.

Guevara pódese considerar o primeiro cronista oficioso de Mondoñedo, como cronista oficioso foi Víctor Silva Posada. Historiador, escritor, “sostén do movemento literario en Mondoñedo”, segundo algúns colegas da época, e tamén político, pois era tenente de alcalde deste concello cando en 1893 se fixo a proposta desde a Revista Galicia Diplomática para que fose nomeado Cronista de Honra.

Mais, antes de que se tomase unha decisión, o propio Silva Posada, en carta publicada na mesma revista, rexeita a posibilidade da súa elección.

Vai para 100 anos, faraos o 25 de abril de 2017, que o concello de Mondoñedo nomeou o seu primeiro Cronista Oficial. O elixido foi o entón arquiveiro municipal, Eduardo Lence-Santar y Guitián, que exercería a función ata o seu pasamento o 14 de xaneiro de 1960. Lence, que foi cronista de Mondoñedo durante 42 anos, representa perfectamente o papel de cronista clásico. Remexeu nas bibliotecas e nos arquivos, publicou ducias de textos, desde libros a artigos, sobre todo canto tema pode importar para a historia local.

Para substituír a Eduardo Lence-Santar o concello nomea Cronista Oficial a Álvaro Cunqueiro o 28 de marzo de 1960, un xa entón meritísimo escritor, con longa traxectoria como poeta, dramaturgo e narrador, colaborador habitual dos medios de comunicación, e que exerceu a función ata a súa morte o 29 de febreiro de 1981. Foron 20 anos con Cunqueiro como cronista os que lle valeron a Mondoñedo poder entrar no excelso censo de lugares literarios da humanidade: Comala, Macondo e Mondoñedo, patria de Merlín e familia.

Substituíu a Álvaro Cunqueiro outro poeta e xornalista nacido no Barrio dos Muíños: Xosé Díaz Jácome. Foi nomeado en pleno celebrado o 13 de abril de 1981 e como tal exerceu ata o seu falecemento o 6 de setembro de 1998. Poeta exquisito e xornalista de mérito que foi lembrado esta semana nos medios de comunicación pola triste nova da morte do seu fillo, o tamén xornalista Xoán Ramón Díaz.

O seguinte cronista non era mindoniense de nacemento, aínda que si de adopción. Francisco Mayán, primeiro e único director do actual IES San Rosendo desde a súa fundación en 1953 ata a súa xubilación en 1985. Mayán foi, ademais de alcalde pola década dos 60, profesor e historiador. Foi nomeado cronista en 2001 e deixou de selo por falecemento o 5 de setembro de 2010. Ademais doutras obras de importancia, deixou para a posteridade unha imprescindible Historia de Mondoñedo que comprende a de todo o partido xudicial.

Xunto a estes nomes de tanto prestixio, dos que Mondoñedo tirou moito proveito, hai outros moitos cronistas á marxe dos nomeados oficialmente. Son persoas que sen maior obriga que a súa benquerenza por esta terra, fan a crónica puntual do que van descubrindo, bos e xenerosos como Andrés García Doural, Isidro Fernández Villalba, Enrique Cal Pardo, Xosé Ruíz Leivas, Abel Vigo ou Félix Villares.

Pois ben, eu quero ser un máis destas e destes que traballaron e seguirán traballando polo bo nome de Mondoñedo, mais tamén recoñezo que me veño preguntando nestes meses para que pode ser útil un cronista no século XXI?

Non son historiador, nin xornalista, nin profesor, nin poeta, como eran os meus predecesores, pero entendo, en primeiro lugar, que debo estar ao dispor dos rexedores mindonienses pero tamén e sobre todo, ao servizo das e dos mindonienses.

Sei que debo pregoar as excelencias de Mondoñedo, os seus activos, chegar o máis lonxe posible coa palabra Mondoñedo sempre viva.

Contarei alí onde me deixen as historias do pasado e do presente mindoniense, do que aínda está agachado e do que se poida ir descubrindo, pero tamén vos digo que tomo licenza para ilusionarme cun futuro esperanzador para Mondoñedo.

E para isto non abonda cun cronista, nin coa vontade que poida ter, se non intentamos facer de Mondoñedo unha obra en comunidade na que cadaquén desde a súa responsabilidade ou desde a súa xenerosidade, aporte o que boamente poida.

Temos a favor a historia, persoeiros de renome, un gran patrimonio material razoablemente conservado, feiras, festas e celebracións consolidados, a singularidade de convocar anualmente dous premios de poesía, unha infraestrutura cultural suficiente e mesmo por redescubrir aspectos culturais tamén singulares como as representacións chamadas “Acusacións”, que se facían no Antroido mindoniense do s. XIX, ou o xogo do Tangueiro (do que se conserva un fermoso estafermo no Casino) e que foi divertimento en época medieval e moderna ata ben entrado o s. XX, pero que xa ten orixe nada menos ca nos tempos de Roma.

Mondoñedo ten méritos sobros para ser lugar singular e de referencia das artes e das letras, da música, da gastronomía e da artesanía, ou para a aspirar a conseguir títulos que concede a UNESCO como os de Cidade Creativa ou mesmo, por que non, o de Patrimonio da Humanidade. Patrimonio da Humanidade que xa vai bendicir a Mondoñedo dentro duns meses cando a UNESCO resolva a concesión deste título aos Camiños do Norte a Santiago de Compostela
Un obxectivo ambicioso no horizonte, ademais de motivador e dinamizador da economía local tanto rural como urbana, é unha ilusión que se pon a circular para que entre todos intentemos conseguila.

Ademais, quen sabe se non naceu ou vai facelo proximamente un novo ou nova Cunqueiro en Mondoñedo! Pois, por se acaso, hai que estar preparados; onde naceu un, poden nacer outros se creamos o ambiente axeitado.

Permitídeme dicir algo que se repite moito, ás veces demasiado, sen que ninguén saiba con exactitude o que se quere dicir.

Se avaliásemos só superficialmente o que Mondoñedo leva entregado á cultura galega, española e europea ao longo dos séculos pasados, creo que en xusta reciprocidade ben poderiamos reclamar unha especie de “débeda histórica” para compensar todo o que xenerosamente doamos.

Non sei se esa débeda pode ter cuantificación en euros, pero debera tela en afectos e en discriminación positiva a favor de Mondoñedo.

Sei que a realidade tende a contradicir o que un soña pero non convén desesperar; tamén pode suceder (en Mondoñedo é posible) que esa realidade lle dea a razón ao que se soña.

Para rematar quero evocar e traer hoxe aquí a enorme figura intelectual de Eduardo Galeano, o xornalista e escritor uruguaio recentemente falecido que mellor retratou as privacións da América máis pobre e oprimida.
Galeano recorreu insistentemente ao relato popular, á lenda, ao conto e ao mito para contar as miserias que uns humanos padecen por culpa doutros humanos, que desde a ambición e da soberbia esmagan os soños máis inocentes dos humildes.
No seu “Los hijos de los días”, na anotación correspondente ao día de hoxe, 8 de maio, e que titula “El demonio de Tasmania” di que o verdadeiro demo de Tasmania non chegou do Inferno a esa illa de Oceanía, senón que foi o imperio británico que exterminou á poboación da illa co nobre propósito de civilizala. E di que última raíña de Tasmania, de nome Truganini, morreu tal día coma hoxe do ano 1876, e que con ela morreron a lingua e a memoria da súa xente.

Para que Mondoñedo non lle pase nada parecido (e non direi eu que estea en risco de que lle suceda), permítome facer uso doutro texto de Galeano, un microrrelato que se titula “Celebración da fantasía” que me permitín parafrasear (agardo que el saiba disculparme) aplicado a Mondoñedo.

E que di:

Foi á entrada de Mondoñedo, cerca de Zoñán. Eu despedírame dun grupo de turistas e estaba só, mirando de lonxe as ruínas de pedra, cando un neno do lugar, enclenque e farrapento se achegou para pedirme que lle regalara un lapiseiro. Non podía darlle o lapiseiro que tiña porque o estaba usando en non sei que anotacións sen importancia pero ofrecinlle debuxarlle un porquiño na man.

De repente correuse a voz. Ao instante estaba rodeado por un enxame de nenos que esixían a berros que lles debuxara bichos nas súas manciñas cuarteadas de porquería e frío, peles de coiro queimado: había quen quería paxaros e quen unha cobra, outros preferían loros ou curuxas, e non faltaba quen pedía un fantasma ou un dragón.

Entonces, no medio daquel balbordo, un desamparadiño que non erguía máis dun metro do chan, ensinoume un reloxo debuxado con tinta negra no seu pulso:
—Mandoumo un tío meu, que vive en Lugo—dixo.
—E anda ben?—pregunteille.
—Atrasa un pouco!—recoñeceu.

Mondoñedo non anda ben, é certo, pero anda, que é o que importa.

Se cadra, esta cidade-reloxo pode ter algo de ferruxe, ou falta de aceite na engrenaxe, ou non encaixa correctamente algunha peza para que o movemento da maquinaria sexa acompasado.

Por tanto, aquí me tedes para axudar a poñer en hora este reloxo que se chama Mondoñedo, porque sendo verdade que atrasar, atrasa un pouco, tamén sabemos que pode chegar a ser realidade o que entre todas e todos soñemos para escribirlle un futuro.

Ao tempo que vos reitero as grazas a todas e todas, permitídeme un agradecemento especial a Moncho García e Anxo García pois eles son os que, interpretando coa gaita e a caixa un fragmento da “Alborada” de P. Veiga van poñer, simbolicamente, o remate deste acto.

Unha alborada é un alborexar, un amencer, un rompente, unha luzada que abre e ilumina o mañá.
A ver se somos quen entre todas e todos, como nos versos de Cunqueiro, de poñerlle a Mondoñedo “ unha gaita no bico da ría, e unha avelaneira no medio do día”

Moitas grazas.
Mondoñedo, 8 de maio de 2015.

Exit mobile version