A Peña Barcelonista San Miguel celebra este sábado 30 de maio a asamblea xeral de socios a partir das 20.00 horas en primeira convocatoria e das 20.30 horas, en segunda, no Restaurante Oliñas do Mar.
A elección de nova directiva, o estado de contas, e a análise das actividades levadas a cabo durante esta temporada, ademais de rogos e preguntas, serán os temas desta asemblea que precederá á final da Copa do Rei que os socios da peña poderán seguir a través da televisión, excepto os 6 socios que a peña terá no Camp Nou animando en directo ó Barça.
Aínda que a Asamblea é exclusiva para socios, dende a peña animan a tódolos afeccionados barcelonistas a ver con eles o partido e “disfrutar dun gran ambiente barcelonista”.
Camiseta do verán
Por outro lado, a peña acaba de sacar a súa xa tradicional “camiseta do verán” que será entregada ós socios ese mesmo sábado.
A peña dende hai 10 anos edita cada verán unha camiseta conmemorativa da temporada e nesta ocasión o diseño foi sacado a concurso, sendo o gañador do mesmo o Focense Aris Villarino, que “presentou un magnífico traballo”.
Finalmente, como colofón a esta temporada, quedan dous actos máis: o vindeiro 6 de xuño unha xuntanza para ver por TV o partido da Final da Champions League e a fin de semana do 13-14 de xuño a asistencia á Xuntanza de Peñas Barcelonistas Galegas que nesta ocasión organiza a peña amiga e veciña de Burela.