Burela, 27 de maio de 2015.- A Fonsagrada acollerá o seu primeiro campus de fútbol sala base este verán, entre os días 7 e 11 de xullo, destinado a nenos e nenas de entre 6 e 18 anos, baixo a organización da Fundación Imdecum e a coordinación do ex–xogador do CD Burela FS Pescados Rubén Juanma Marrube.
O clínic da Fonsagrada abrirá a xira formativa do verán 2015 da Fundación Imdecum, recoñecida como Fundación de Interese Galego pola Xunta de Galicia. Colaboracións con campus de base como o Mixto Internacional Burela FS Pescados Rubén dende 2010 ou o asturiano de Cangas del Narcea en 2014, ademais da organización de citas de referencia deportiva dentro e fóra de Galicia, como o Torneo de Fútbol Sala Base Memorial Rodrigo Maseda Lozano, son só algunas das referencias do labor da Fundación Imdecum neste eido, que impulsará a partir de 2015 con clínics noutros puntos da xeografía galega como Alfoz-O Valadouro e A Estrada, continuando coas súas xa tradicionais colaboracións en Asturias.
O alumnado terá a oportunidade de profundar no coñecemento do fútbol sala, coa participación de adestradores e xogadores/as de Primeira División; os nenos/as poderán compartir a pista con algunhas das referencias da máxima categoría do futsal en España pero tamén descubrirán moitas das experiencias e anécdotas. Haberá tempo para a aprendizaxe e a diversión arredor do esférico, ademais de entretidas xornadas con actividades lúdico-recreativas, achegamento a outros deportes, obradoiros de manualidades e visitas para deleitarse do paradisíaco contorno natural da zona.