Site icon Crónica3.com A Mariña

A figura do novo faro de Burela será unha realidade para as vindeiras festas patronais

040515 Foto helicoptero BurelaBurela, 4 de maio de 2015.- O alcalde, José Mª González Barcia, considera que a figura do novo faro de Burela será unha realidade para as festas patronais deste 2015. O rexedor asegura que “aínda que a totalidade da obra non estea rematada unha parte moi importante si que estará lista”.

González Barcia contou que “hoxe empeza unha nova fase da reconstrución do faro de Burela. Estanse a colocar os moldes e comezouse a botar o formigón. O discorrer dos vindeiros días dependerá do estado da mar e o vento que teñamos na zona, porque non hai que esquecer que un helicóptero se está a encargar dalgúns destes traballos e a climatoloxía debe ser a axeitada”.

O alcalde burelés insistiu en que “os prazos que nos tiñamos marcado estanse cumprindo pouco a pouco”.

Raíñas das festas
Sobre o polémica xurdida nas últimas horas entorno ás raíñas das festas González Barcia sinalou que “o Concello non se mete no traballo que está a realizar a comisión de festas de Burela e o alcalde tampouco. Eu nin decido o traballo nin o programa dos festexos”. O alcalde dixo que “non hai nada que recapacitar, porque esta é unha decisión da comisión de festas” e engadiu: “estas declaracións desafortunadas por parte do BNG chegan tarde, moi tarde, porque si en catro anos non se preocuparon polas mulleres de Burela, agora non teñen moita xustificación as súas palabras. O único que están a facer é expoñerse, pero iso puideron facelo en todos os actos organizados polo Concello e relativos tanto á loita contra á violencia de xénero como á formación das mulleres, etc. As súas manifestacións neste momento non son cribles, xa que o único que buscan é expoñerse publicamente”.

O rexedor considera que “as rapazas que foron elixidas como raíñas supoñemos que o pensarían e que o falarían e o acordarían cos seus pais, polo tanto non hai nada máis que dicir”.

González Barcia referiuse ao Observatorio da Mariña pola Igualdade: “supoño que se trata dun órgano independente e por ese motivo non vou opinar”.

Exit mobile version