A Xunta de Goberno deste venres aprobará un convenio, asinado por Deputación e Asociación de Empresarios da Construción de Lugo, co obxectivo de crear o primeiro banco de vivendas abandonadas da provincia. Esta é unha das medidas que a Deputación ten que executar durante este ano, posto que dá resposta á que foi unha das cuestións máis demandadas polos veciños nos Orzamentos participativos: o impulso da rendabilidade do medio rural e do sector primario para crear emprego e atallar o grave despoboamento que sofre a provincia fixando poboación no rural.
Este convenio permitirá a posta en marcha do primeiro paso para a creación de dito banco, que será a realización dun completo estudo das vivendas que se atopan abandonadas na provincia para determinar, non só o seu número, senón onde se sitúan e, especialmente, cales son as causas dese abandono e corrixilas. Deste xeito, os resultados deste estudo permitirán contar cos datos necesarios para desenvolver estratexias e programas específicos encamiñados á recuperación destas vivendas en particular, así como e do rural en xeral.
Un proxecto aínda máis ambicioso
Este convenio é áinda máis ambicioso. Non só permitirá combater o abandono do rural e fixar poboación, senón que tamén fomentará a actividade empresarial e a xeración de emprego na industria da construción, reorientándoa cara a rehabilitación enerxética e sostible. Farao a través do denominado Programa de Impulso da rehabilitación Enerxética e Sostible na provincia de Lugo, unha iniciativa destinada á dinamización da actividade empresarial e á xeración de emprego, en concreto na industria da construción.
Esta industria xera na provincia máis de 5.000 postos de traballo directos, segundo os datos do IGE de xaneiro deste ano, ademais de supoñer un importante motor de impulso de sectores estreitamente relacionados, como o da madeira, o metal ou a pedra, entre outros. Ademais, a rehabilitación enerxética pode crear un novo mercado que xere importante investimentos; pode revalorizar ata nun 10% o valor das vivendas, ademais de supoñer unha redución de ata nun 50% o consumo de enerxía e, polo tanto, da factura enerxética.
Información e concienciación
Outro dos numerosos obxectivos deste convenio é ofrecer formación aos traballadores do sector para actualizar as súas competencias profesionais neste eido; poñer en marcha campañas de información entre a cidadanía e os profesionais para aprender as vantaxes da eficiencia enerxética nos fogares, ou dar soporte técnico ás empresas do sector, entre outros.
Así, poranse en marcha campañas para sensibilizar e concienciar aos cidadáns e os profesionais das vantaxes que pode aportar a rehabilitación e a eficiencia enerxética nos fogares. Un portal web; un teléfono gratuíto ou unidades móbiles que se desprazarán pola provincia para ofrecer información in situ aos veciños. Pola súa banda, o sector recibirá formación máis especializada da man dos técnicos e do persoal da propia APEC, ben en xuntanzas que se celebrarán ao efecto, ben in situ, nas obras que se estean executando na provincia.
Ademais, co obxectivo de dar soporte técnico ás empresas, crearase unha oficina de información na que dous técnicos expertos na área da construción axudarán ás empresas que o soliciten en cuestións como a busca de vías de financiamento. Este labor completerase coa organización de diferentes xornadas nas que se dará conta das novidades técnicas en materia de restauración e rehabilitación enerxética que se celebrarán por toda a provincia. O punto final destas xornadas será a entrega dun galardón, o Premio ReEnfócate, que recoñecerá a mellor intervención en rehabilitación da provincia, que recibirá un premio de 8.000 euros.
Máis de 7.500 horas de formación
Outro dos aspectos máis destacados desta pioneira iniciativa é o denominado Proxecto ReHabilítate, que proporcionará máis de 7.500 horas de formación especializada aos traballadores do sector da construción. A actualización das competencias profesionais é imprescindible para o éxito da iniciativa, polo que este convenio permitirá aos traballadores da contrución adaptar os seus coñecementos e habilidades en materia enerxética, algo que o sistema de formación profesional actual non dá cobertura ao 100%.
Así, entre as accións formativas previstas, están as de Instalación e mantemento de instalacións xeotérmicas; Eficiencia enerxética en edificios; Instalación de sistemas de biomasa; Sistemas de enerxía renovables en edificios, etc.
A construción lucense, cousa de PEMES
A rehabilitación na provincia de Lugo está nas mans de multitude de pequenas e medianas empresas, cunha media de tres traballadores con baixa cualificación, de aí a importancia de especializarse formando aos seus empregados. De feito, a APEC conta con 887 empresas asociadas, que agrupan a un total de 3.252 traballadores asalariados dos 5.010 da provincia –un 68%-. Destas empresas, 548 teñen 2 traballadores ou menos; 204 empresas teñen entre 3 e 5 asalariados; 86, entre 6 e 9; 36, entre 10 e 19 e 12 delas, de 20 a 49.