Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino respalda ós pais e nais que rexeitaron a proba de 3º de Primaria e solicita da Consellería a “eliminación das reválidas da nosa comunidade”

A Mariña, 28 de maio de 2015.- A CIG-Ensino apoia e comparte a decisión dos pais e nais que onte e hoxe non enviaron aos seus fillos e fillas a facer a proba de 3º de Primaria e demanda da Consellaría de Educación que reconsidere a eliminación das probas de reválidas así como a aplicación da LOMCE na nosa comunidade debido ao gran rexeitamento que tivo dentro da comunidade educativa e fundamentalmente por parte dos pais e nais do alumnado.

Segundo os datos que apunta a secretaria local do sindicato, Dores Fernández Abel, na comarca da Mariña practicamente o 50% dos nenos e nenas que cursan 3º de primaria non acudiron á clase nos días en que se fixo a proba. Isto demostra a gran desconfianza e oposición que desde as familias se teñen das reválidas. A cifra sería maior se houbera máis información e se non existisen presións por parte da Consellaría a través dunha campaña de desprestixio cara o traballo do profesorado.

A CIG-Ensino xa rexeitou desde o primeiro momento este tipo de probas porque son unha aberración desde o punto de vista pedagóxico someter o alumnado a unha presión innecesaria, avaliando baixo estándares uniformados sen considerar a educación como un proceso multidisciplinar e con diversos factores sociais a ter en conta. Ademais despreza a avaliación continua d@s titores e subestima e desconfía do traballo do profesorado que estará sometido e totalmente condicionado a orientar o seu traballo docente a preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais imprescindíbeis para a formación completa do alumnado. Aínda por riba estas probas van a ser utilizadas para conformar rangos de centros segundo os resultados e dos que dependerá despois a dotación de recursos aos mesmos.

Dores Fernández Abel ademais centra as súas críticas a estas probas en que están totalmente centralizadas dado que a elaboración e deseño das probas, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables son fixados polo Ministerio de Educación, eliminando así o estudo e coñecemento de todo o que nos identifica como galegos e galegas.

Exit mobile version