Lugo, 5 de maio de 2015. O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou esta martes as axudas para os servizos de Normalización Lingüística dos concellos que pon en marcha este ano o organismo provincial e que contan cun orzamento de 100.000 euros. Outeiro avanzou que as bases serán publicadas este mércores no Boletín Oficial da Provincia e os concellos que desexen gozar deste servizo terán un prazo de 30 días naturais, contados desde este xoves, para efectuar a súa solicitude.
Mario Outeiro explicou que “a Área de Cultura vén de aprobar unha liña de subvencións para colaborar cos servizos de normalización lingüística dos concellos, tanto os de nova creación como os xa existentes. En concreto, esta liña servirá para sufragar os gastos de persoal, que serán técnicos especialistas coa orientación en licenciados en Filoloxía Galega”. O obxectivo desta medida é “encher un baleiro existente desde hai anos e provocado porque a Xunta de Galicia deixou de convocar estas axudas”, sinalou Outeiro.
Cambiar a tendencia actual de perda de galegofalantes
Este programa ten, ademais, outro fin principal: “Trátase, deste xeito, de colaborar coas administracións locais a través da contratación de técnicos e dinamizadores en normalización lingüística, persoas que intenten cambiar a tendencia actual de galegofalantes. É unha tendencia moi negativa, evidenciada polo Instituto Galego de Estatística recentemente, que indica que tan só un de cada catro dos menores de 15 anos é galegofalante”, apuntou Mario Outeiro.
Na súa intervención, o responsable de Cultura concretou que “os destinatarios son os concellos, e son concellos en plural, porque como mínimo teñen que agruparse dous concellos para poder optar a esta axuda e, como mínimo, a suma destes concellos ten que abarcar unha poboación de 7.000 habitantes. Estas son as únicas condicións, un mínimo de dous concellos e chegar a máis de 7.000 persoas. Lugo, por exemplo, suma el só máis de 7.000 habitantes, pero tería que xuntarse con outro. Do mesmo xeito, ao mellor se unen dous concellos que non chegan a esta cifra, polo que terían que buscar un terceiro, e así sucesivamente ata alcanzar os 7.000. Con estas condicións asegurámonos cubrir gran parte dos veciños da provincia”, anunciou.
Así mesmo, Mario Outeiro avanzou que o persoal a contratar “ten que ser novo, polo tanto non vale xente que xa estea contratada por parte dos concellos. Asemade, teñen que ter un perfil moi técnico e deben ser licenciados en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica, subsección de Galego-Portugués”, concretou.
Duración dos contratos e comisión de valoración
O responsable de Cultura sinalou que os contratos “teñen que ter unha duración mínima de 9 meses, se se contrata a media xornada, ou 5 meses, se o contrato é a xornada completa. Loxicamente, canto maior sexa a duración, maior puntuación conseguirá á hora de pasar polo baremo e máis diñeiro percibirá”, afirmou.
Para a avaliación desta liña de subvencións, que está dotada con 100.000 euros, “establécese unha comisión de valoración na que participarán todos os grupos políticos con representación na Deputación e un baremo no cal se terán en conta aspectos como o grao de financiamento propio; o perfil, interese e calidade da actividade a desenvolver no Servizo de Normalización Lingüística; o impacto e repercusión entre a sociedade das actividades; ou un moi importante, que valerá un 40%, como o grao de consolidación temporal destas actividades; entre outros aspectos”, confirmou.
Finalmente, Outeiro subliñou que “o importe de cada subvención será dun mínimo de 10.000 euros e un máximo de 20.000. Polo tanto, o máximo de axudas que se van conceder nesta primeira experiencia serán 10. Cremos que é importante dotar dun mínimo o suficientemente amplo para que os concellos se animen, tendo en conta que é a primeira vez que se poñen en marcha estas axudas desde a Deputación para crear ou mellor os Servizos de Normalización Lingüística locais”, concluíu.