ALFOZ. O PP perde a maioría absoluta e VIA irrompe na corporación municipal con 3 concelleiros
Coa perda de poboación e a diminución no número de representantes na Corporación Municipal de Alfoz dende os 11 ós 9; Emilio Lousas perde a maioría absoluta co descenso en 2 concelleiros con respecto a 2011.
O PSOE mantén os seus 3 representantes, mentres que Veciños Independentes de Alfoz (VIA) con Xabier Pardiñas á cabeza logra entrar no Pleno con 3 edís.
A PONTENOVA. O alcalde socialista Darío Campos aumenta os seus apoios
O PSdeG-PSOE aumenta a súa vitoria logrando 7 concelleiros fronte os 6 da pasada lexislatura. O concelleiro gañado pérdeo o PP que cae ata os 3 representantes na corporación municipal da Pontenova que volve contar cunha acta cionalista que ocupará Mónica Rancaño.
BARREIROS. O Partido Popular mantén a maioría en Barreiros onde Fuente Parga volverá encabezar o goberno local
A pesar de que Fuente Parga consegue revalidar a maioría absoluta que lle permite gobernar ó PP en solitario, a candidatura perde forza e logra 6 concelleiros fronte ós 7 da pasada lexislatura. Pola contra, o BNG – AA de Ana Ermida sube dos 2 ós 4 representantes na corporación barreirense; mentres que os socialistas perden un concelleiro e quedan cun só representante no Pleno do Concello.
BURELA. O ex rexedor socialista Alfredo Llano recupera a alcaldía con maioría absoluta
Mentres que o PSdeG- PSOE logra 7 concelleiros que supoñen a maioría absoluta en Burela, o PP perde tres concelleiros con respecto a 2011 e queda con 4 fronte ós 7 da pasada lexislatura.
O BNG-AA aumenta a súa representación na corporación logrando 2 concelleiros fronte á única acta da pasada lexislatura. Os nacionalistas quedaron a 18 votos de conseguir un edil máis.
Compromiso x Galicia – Concellos Transparentes e Ciudadanos non acadan representación.
CERVO. Alfonso Villares repite maioría absoluta para o PP en Cervo
O Partido Popular conserva as 7 actas no Concello de Cervo permitindo a Villares manterse na alcaldía outros 4 anos. En fronte, os partidos da oposición repiten representantes no Pleno (3 para o PSdeG-PSOE e 1 para o BNG-AA); aínda que con novas caras.
FOZ. Incerto panorama en Foz con vitoria para o PP sen maioría absoluta
Javier Jorge Castiñeira repite apoios e acada 5 edís que non son suficientes para gobernar con maioría absoluta.
Pola súa banda, o PSdeG-PSOE cae dos 4 ós 3 representantes no Pleno da Corporación e o BNG-AA aumenta a súa representación dende 1 ata os 2 edís.
Foz Plataforma de Futuro -integrado por ex socialistas- irrompe con 3 edís empatando cos socialistas.
Ante este panorama, o goberno municipal de Foz podería continuar como ata agora nas mans de Castiñeira sen maioría.
LOURENZÁ. O PSOE adianta ó PP en Lourenzá que perde un edil e a maioría
Rocío López converterase en alcaldesa de Lourenzá tras lograr a maioría. Os socialistas obtiveron 6 edís fronte ós 5 da candidatura popular encabezada, por primeira vez, pola actual rexedora, Enma Álvarez.
O BNG-AA perde o seu único representante na corporación municipal obtido nas anteriores eleccións.
MONDOÑEDO. Elena Candia accede á alcaldía de Mondoñedo tras lograr a maioría absoluta
Os populares lograron a vitoria nas urnas igual que nas pasadas eleccións; aínda que, nesta ocasión, con maioría absoluta.
A candidatura de Elena Candia alcanza os 6 representantes arrebatando un edil ós nacionalistas que caen dos 4 ós 3. O PSdG-PSOE, liderado por Esperanza González, mantén o número de representantes na corporación local que acadara a formación con Modesto Díaz na pasada lexislatura: 2.
OUROL. Os socialistas gañan en Ourol
O PSOE obtén a vitoria nos comicios municipais deste 24 de maio. Con 4 concelleiros foi a forza máis votada, por detrás do PP que obten 3 e o CxG-CCTT, 2.
Os populares con Marcial Sanjurjo á cabeza perden apoios a favor de Compromiso por Galicia – Concellos Transparentes.
O VALADOURO. As urnas apoian o traballo do socialista Edmundo Maseda á fronte da alcaldía
O PSdeG-PSOE obtivo máis votos que o PP nos comicios municipais deste domingo 24 de maio, aínda que ambos conseguen 5 concelleiros cada un. O PP mantén o número de representantes; mentres que o PSOE sube dos 3 ós 5 ante a falta de concorrencia de UDIVAL.
O BNG-AA mantén a acta de Eduardo Chao.
O VICEDO. Jesús José Novo mantense na alcaldía do Vicedo
O rexedor popular do Vicedo logra de novo ampla maioría absoluta; aínda que perde un edil a favor do BNG-AA. Deste xeito, a formación nacionalista alcanza os 2 representantes no Concello fronte ós 6 dos populares.
O PSdeG-PSOE conserva o seu edil, Vicente César Parapar.
RIBADEO. O nacionalista Fernando Suárez Barcia aumenta a súa maioría
Tendo en conta o aumento da poboación no municipio, e polo tanto, o número de representantes no Pleno do Concello, a candidatura do BNG-AA en Ribadeo logra 10 concelleiros: 3 máis que nas eleccións municipais do 2007.
O PP mantense con 4 edís; mentres que o PSdeG-PSOE sube ata os 2 (fronte a un único representante na pasada lexislatura).
Ciudadanos entra na Corporación Municipal cun edil.
RIOTORTO. O popular Clemente Iglesias accede á alcaldía
Á espera da decisión da xunta electoral de Mondoñedo ante a impugnación do voto por correo por parte dos nacionalistas, o PP logra a maioría absoluta con 5 edís en Riotorto onde accederá á alcaldía Clemente Iglesias.
O BNG-AA, que ata o momento gobernaba en Riotorto co apoio do PSdeG-PSOE, quedou a 12 votos de conseguir un cuarto concelleiro. Perde, polo tanto, 1 edil a favor do PP e queda con 3 representantes no Pleno Municipal que non son suficientes para repetir pacto cos socialistas que obteñen 1 representante igual que nos pasados comicios.
TRABADA. Mayra García, nova alcaldesa de Trabada
O PSdeG-PSOE logra a vitoria nun feudo tradicional popular. Deste xeito, o PP de Yanes Ginzo perde a maioría obtendo só 4 concelleiros (fronte ós 6 dos pasados comicios) e deixa a alcaldía de Trabada nas mans da coordinadora comarcal socialista que encabezaba a candidatura que logra 5 representantes no ente local.
O BNG – Asembleas Abertas perde o edil logrado nos anteriores comicios.
VIVEIRO. María Loureiro vence nas urnas
A actual alcaldesa de Viveiro, tras o falecemento de Melchor Roel, logra a vitoria nestes comicios aumentando dende o 6 edís ós 8 a representación socialista na corporación de Viveiro.
O Partido Popular perde un novo edil caendo dende os 6 ata os 5; mentres que o BNG-AA se mantén con 3 representantes. Son Viveiro -antiga EU- logra recuperar o tradicional edil da esquerda.
XOVE. Demetrio Salgueiro continúa na alcaldía de Xove co respaldo da maioría d@s votantes
O PP logra 7 edís en Xove onde Demetrio Salgueiro repetirá á fronte da alcaldía cunha ampla maioría absoluta, a pesar de perde unha acta a favor do BNG-Asembleas Abertas que suma apoios e logra dobrar o seu número de concelleiros na corporación. De feito, pasa dos 2 ós 4 tras arrebatar tamén outro edil ós socialistas que perden representación na corporación xovense.