Site icon Crónica3.com A Mariña

1.000 escolares de centros da comarca correron polo galego este martes en Ribadeo, baixo o lema “galego, a nosa creación común”

foto correlingua 15Ribadeo, 5 de maio de 2015.- A edición 2015 do Correlingua na Mariña, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, foi todo un éxito: 1000 alumnos e alumnas reivindicaron o dereito de vivir en galego nunha xornada festiva e deportiva. Camiñaron e correron desde Illa Pancha ao Pavillón Municipal, lugar da festa final.

Houbo paseo, carreira, música, poesía, lectura de manifesto, fotografías, globos… e moita alegría na defensa do idioma que creamos entre todas e todos, o galego. O escritor e cantor Xurxo Souto presentou e animou as actividades.

Os gañadores das carreiras foron, na categoría feminina, Carme Alonso, do CEIP Plurilingüe da Pontenova, Lidia Barreira, do IES San Rosendo e Carolina Yáñez, do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo; na categor’ian masculina ficaron nos primeiros postos Mario Pardo, do CEIP San Miguel de Reinante, Joseba Alba, do CPR Plurilingüe Martínez Otero e Brais Seco, do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Todas e todos eles, gañadores ou non, fixeron unha excelente carreira a prol do galego.

Dores Fernández Abel, coordinadora da actividade, quere agradecerlle ao Concello de Ribadeo todo o apoio dado, e tamén ás alumnas e alumnos dos ciclos de Animación de Actividades Físicas e Deportivas do IES Monte Castelo e de Educación Infantil do CIFP Porta da Auga a axuda na organización, e, como non, aos Equipos de Dinamización Lingüística dos Centro participantes o seu empeño en participar e organizar actividades en defensa do galego.

Exit mobile version