Para o BNG, “o que resulta máis grave é que este tipo de propostas conten co apoio do Concello de Burela”, pois “as administracións públicas deben ser as primeiras en desenvolver políticas de igualdade entre mulleres e homes e promover aquelas iniciativas sociais que teñan a muller como suxeito e non como obxecto”. O Concello ten moita responsabilidade na elaboración do programa das festas, pois financia a maior parte das actividades programadas e non pode eludir o seu compromiso coa promoción da igualdade real entre xéneros en todos os ámbitos da sociedade burelá, tamén nas nosas festas.
A formación frontista puxo en dúbida a aplicación e posta en práctica do IV Plan de Igualdade do Concello de Burela, aprobado no pleno celebrado o pasado mes de marzo, que define entre as súas liñas estratéxicas, a “mellora da gorbenanza a favor da igualdade” e a “participación activa das mulleres na sociedade”. Desde o BNG convidan ao alcalde e á concelleira de igualdade “a que rectifiquen publicamente e retiren o seu apoio a esta actividade anacrónica”.