Foz, 27 de abril de 2015. O Concello de Foz, por medio do primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural, Pedro Fernández Manín, pide desculpas, colaboración e comprensión aos veciños polas molestias que lles poden causar as obras de mellora de rúas que se acometerán nos vindeiros días en rúas de Marzán e no alumeado público de San Acisclo.
“Queremos pedir desculpas aos veciños de Marzán polos prexuízos que poden sufrir con motivo do arranxo das rúas Casas Novas e Sieiro e tamén parte da rúa da Báscula. Estas obras contábamos que poderían estar feitas antes, pero por motivos totalmente alleos á vontade do equipo de goberno o forte destes traballos vai empezar nesta semana, concretamente o mércores, para arranxalas o antes posible. Pedímoslles desculpas e colaboración porque estarán cortadas varios días, xa que a rúa Sieiro e o tramo da rúa da Báscula que se arranxa irán en cemento impreso, polo que leva máis traballo pois hai que facer forxados e outras cousas”, explicou Pedro Fernández Manín.
O concelleiro de Medio Rural tamén se dirixe aos veciños da parroquia de San Acisclo para pedirlles desculpas porque “sobre todo naquelas zonas onde están as lámpadas chamadas vilaplanas, que son as da barras e que se van cambiar todas, polo que posiblemente haxa que substituír tamén parte do tendido. Entón nalgunhas das zonas onde están estas luminarias pode haber algún corte de alumeado público. Queremos pedirlles a súa colaboración para acabar estas obras o antes posible”.