13 de abril de 2015.- O Burela FS Pescados Rubén entrou a semana pasada nas aulas do CEIP Terra Chá de Vilalba. Jorge Bellvert, Carlitos e Cristina levaron o fútbol sala de elite ao centro de ensino sito en Román, acompañados polo secretario técnico do club, Juanma Marrube.
O alumnado recibiu os representantes burelistas cunha marea laranxa de cartolina e un coidadoso traballo de investigación digno do mellor xornalista. Ademais de repasar a historia do club, co dobrete de campión de Liga e de Copa de España do equipo feminino e da recente estrea histórica do masculino na Copa de España Cidade Real, os preto de 60 pequenos/as, de entre 6 e 12 anos, tamén tiveron a oportunidade coñecer de preto a traxectoria, experiencia e anécdotas de Jorge, Carlitos, Cris e Juanma. Os laranxas despedíronse do estudantado vilalbés tras o xantar, despois dunha divertida mañá dando a coñecer o futsal.
O CD Burela FS Pescados Rubén pechará a tempada intensificando o seu programa de promoción do fútbol sala en idade escolar centrando as súas visitas nos centros de ensino da comarca da Mariña ao longo do mes de maio.