O sindicato nacionalista denuncia que a pesares das afirmacións do SERGAS de que dende o día 6 de abril tería lugar a incorporación dun novo especialista en anatomía patolóxica, o Hospital da Costa segue cun só facultativo neste servizo.
As deficiencias en persoal continúan no Servizo de Anatomía Patolóxica, un servizo xa de por si axfisiado pola falla de persoal, no que dous facultativos especialistas en anatomía patolóxica viñan asumindo a carga de traballo que segundo ratios lle correspondería a tres e unha dotación insuficiente de Técnicos en Anatomía desbordados de traballo, algo que dende fai tempo “vimos denunciando e que supón a imposibilidade de sacar para adiante as probas diagnósticas xeradas na área de Burela e que día a día ten que asumir este servizo”.
As consecuencias inmediatas son un retraso tanto na realización das probas coma no resultado das mesmas, podendo incluso afectar á actividade cirúrxica. Así mesmo aseguran que as citoloxías levan mais de dous meses sen realizarse por falla de citotécnico
Esta obsesión do aforro polo aforro sen medir as consecuencias sobre a saúde da cidadanía, debería substituírse por atender e valorar infinitamente máis as necesidades de profesionais reforzando neste caso, un Servizo de apoio ao diagnóstico de importancia vital como é o de Anatomía Patolóxica, “do que depende parte da actividade doutros servizos do hospital e en aspectos tan sensibles como a detección precoz de enfermidades oncolóxicas, o diagnóstico de tumores para o seu correcto tratamento, a vía rápida para a detección do cancro, citoloxías……..”.
Unha vez máis mostran o seu rexeitamento expreso á derivación de mostras de tecidos de anatomía patolóxica en taxi a Monforte e denuncian a actuación da Xerencia neste caso concreto, e en xeral, á súa política de aforro e recortes que tanto prexudica ao coidado da saúde da poboación da Mariña.
Dende CIG Saúde A Mariña esixen que o SERGAS deixe de mentir e enganar á cidadanía e que cubran de xeito inmediato as prazas de especialista en anatomía e citoténico e doten á unidade do persoal necesario para sacar adiante tódalas probas que se xeran na nosa área.
ADOLFO CORRAL CALVIÑO (Delegado CIG Saúde).