Viveiro, 13 de marzo de 2015.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro, di que o líder do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro, esta obrigado a explicar en que situación quedará o municipio de Viveiro se a súa alcaldesa, María Loureiro, e a tenente de alcalde, Isabel Rodríguez –ambas socialistas- son procesadas por presunta prevaricación urbanística, “tal e como prevé e anticipa, o auto da Audiencia provincial lucense”.
O popular di que Besteiro debe unha “explicación clara e contundente primeiro aos veciños de Viveiro, pero tamén ao conxunto dos galegos”, de xeito especial tendo en conta que o propio código ético do PSOE “obriga a dimitir ou a expulsar do partido a aqueles cargos públicos que son procesados, isto é, no momento da apertura de xuízo oral, non da condena”.
Papel mollado
“É innegable que estas dúas persoas, cuestionadas pola Xustiza, están ao borde do seu procesamento. Un procesamento seguro, que non é que o deamos por feito desde o PP, senón que o pode deducir calquera persoa que lea o contundente auto xudicial da Audiencia Provincial” –en consecuencia, di Balseiro- “se Besteiro non actúa o código ético do PSOE quedará en papel mollado”
Respecto á presunción de inocencia
Balseiro aclarou tamén que desde o Partido Popular “respectamos a presunción de inocencia de estas dúas persoas” pero aclara, que o código ético “non fala de condena ou absolución, senon que establece este límite na figura do procesamento dos cargos políticos”. Besteiro co seu silencio e falta de actuación “volve a antepoñer os intereses electorais a uns principios éticos dos que, queda demostrado, so lle valen a Besteiro para falar, e quedar ben cara a galería, pero que despois non aplica cando ten que actuar”
Integrantes da dirección do PSdeG
Balseiro tamén indicou que nesta situación están tanto a alcaldesa, María Loureiro, como a tenente de alcalde, Isabel Rodríguez. Neste último caso, falamos ademais dunha dirixente que forma parte da Executiva socialista galega, que preside o propio Besteiro, en concreto, é membro da Executiva do PSdeG, da súa dirección, onde Isabel Rodríguez ostenta a secretaría de Sanidade
“Besteiro debe explicarse: ¿En que situación quedan os veciños de Viveiro? ¿Que pasaría se a número un e a número dous do Goberno municipal de Viveiro son procesadas?”- volveu a preguntarse Balseiro