O venres 27 de marzo o colectivo viveirés Pensamento e Sementeira organiza no Teatro Pastor Díaz, en colaboración co Concello de Viveiro un concerto que contará coa participación da cantante Uxía Senlle e o compositor Fran Pérez NARF, dous dos artistas do panorama actual galego máis influentes e que máis pontes teñen forxado a través da música con creadores de outras partes do mundo, en especial cos países de lingua portuguesa.
Tras anos de viaxes e experiencias de intercambio con artistas de Mozambique, Angola, Brasil, Portugal, Cabo Verde, Guinea Bissau, Arxentina, Chile, Uruguai… tanto Uxía como Fran Pérez “NARF” foron construíndo os seus respectivos repertorios, xerando canción a canción, un pequeno ámbito de convivencia entre mundos culturais que nalgúns casos comparten a mesma orixe, e en todos a mesma paixón pola palabra cantada. Este lugar propicio para o encontro é o territorio da Galiza Imaxinaria, un espazo emocional sen fronteiras, con raíces profundas pero cos brazos abertos ao mundo de hoxe, un territorio que pertence por dereito a todo aquel que o queira transitar, e no que os rasgos de identidade presentes nas cancións, lonxe de ser barreiras, son portas de entrada.
Por primeira vez, UXÍA & NARF funden os seus repertorios nun espectáculo conxunto, man a man, e propoñen un concerto de formato intimista, no que convidan a coñecer as “Baladas da Galiza imaxinaria”. Todas e cada unha destas cancións teñen unha historia detrás relacionada cunha viaxe, cun encontro e cunha experiencia vivida a través da música, e farán as delicias daqueles que, con espírito inquedo e aventureiro, as deixen entrar no seu corazón.
O concerto dará comezo ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. O colectivo organizador porá á venda as entradas (5 euros) unha hora antes do comezo do espectáculo.
NARF
Fran Pérez NARF é un compositor e cantor de longo recorrido, parte do cal está ligado ao entorno do mundo lusófono . Gústalle definirse como “cancionista” e a súa obra caracterízase pola forte personalidade e a busca constante de orixinalidade.
Editou catro discos como NARF, ” Nas tardes escuras” (El patito editorial, 2013), con poemas de Rosalía de Castro , “Aló irmao” (Falcatruada, 2010) con Manecas Costa, “Tótem” ( Falcatruada 2007) e “Directo en Compostela” (Changüí, 2003).
En solitario, a dúo, en trío ou con banda, presentou a súa música en festivais internacionais como o Mercado Cultural de Salvador de Bahía, Cambio Sonoro (Recife), Antídoto (São Paulo), varias edicións do Festival d’Agosto (Maputo), Festival de Mindelo, ou Cantos na Maré (Pontevedra). Tamén noutros ámbitos como Bafim (Bos Aires), London City Festival (Londres), Feira do Libro (La Habana) ou Liet Lavlut (Östersund), onde acadou o segundo posto no concurso da canción en Linguas Minorizadas Europeas. Levou tamén a súa música a escenarios de Bissau, Varsovia, Nova Delhi, Katmandú, Brighton, Barcelona, Cracovia ou Newcastle.
Sempre na procura de novas fórmulas artísticas impulsou experiencias de creación, intercambio e coprodución, como os proxecto «BUMBA» ou ” Da Zigala a Zemambiquo” cos mozambicanos «Timbila Muzimba», ou o mencionado CD DVD «Aló irmao», co guineano Manecas Costa, acadando o nº 1 das listas radiofónicas da RDP AFRICA coa canción que da nome ao proxecto.
En 2013 NARF, foi galardoado co Premio Galego da Música “Martín Códax” ao mellor artista na categoría de Rock/Blues/Funk/Soul.
UXÍA, “A voz do Atlántico”
Uxía concibe escribindo palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do seu ser, da alma. A súa carreira xa suma case tres décadas, anos que a converteron nunha das voces máis populares e valoradas en lingua galega.
Integrante do grupo Na Lúa ata 1991, Uxía emprende un camiño en solitario que responde a unha natural evolución da súa traxectoria. Naquel mesmo ano publica “Entre cidades”, e catro anos despois, “Estou Vivindo no ceo”, disco moi valorado pola crítica, que afianza a súa proxección internacional e que a leva a cantar por motos países europeos, por América e África. .
A súa paixón pola mestizaxe consigue unir e reunir voces, instrumentos, ritmos, sons… é un imán para o talento, e así o demostra como directora artística na creación do Festival Internacional da Lusofonía “Cantos na Maré”, un espectáculo concibido como punto de encontro de artistas da área lusófona no que o escenario transfórmase nunha fiestra multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Angola, Mozambique, etc.
No seu disco “Meu Canto” (Fol Música 2011) Uxía sigue a estela dunha cultura que viaxa e cambia o significado e a natureza das fronteiras. Nesta ocasión a súa travesía lévanos a Brasil, onde foi gravado este traballo, nos estudios da editora Biscoito Fino, en Rio de Janeiro, todo baixo a produción do prestixioso músico Jaime Alem (produtor de María Bethânia), a direción musical de Sérgio Tannuse a participación especial de Lenine que obtivo o ‘Premio de la Música Independiente 2012’ ao mellor disco en galego.
Tamén é productora do grupo tradicional Malvela, crítica de música na Radio Galega e imparte conferencias sobre a Historia da Música Galega.
Nos últimos tempos coordinou e dirixiu varios discos e proxectos colectivos como CoraSons (Kalandraka, 2013), Maria Fumaça e Xiqui Xoque, Fiú, Fiú (Galaxia) na área infantil e ‘Atlántic@s’, un espectáculo galego que se presentou no MICSUR (Mar del Plata) con Narf, Budiño e Rosa Cedron.
Editou o CD ‘Andando a Tera’, sobre poemas de Manuel María e ‘Rosalía Pequeniña’ (Galaxia 2013) no que achega os versos da nosa porta máis universal aos máis cativose cativas.