Site icon Crónica3.com A Mariña

Uxía Senlle e Fran Pérez ofrecen un concerto en Viveiro organizado por Pensamento e Sementeira

O venres 27 de marzo o colectivo viveirés Pensamento e Sementeira organiza no Teatro Pastor Díaz, en colaboración co Concello de Viveiro, un concerto que contará coa participación da cantante Uxía Senlle e o compositor Fran Pérez NARF, dous dos artistas do panorama actual galego máis influentes e que máis pontes teñen forxado a través da música con creadores de outras partes do mundo, en especial cos países de lingua portuguesa.

Por primeira vez, UXÍA & NARF funden os seus repertorios nun espectáculo conxunto, man a man, e propoñen un concerto de formato intimista, no que convidan a coñecer as “Baladas da Galiza imaxinaria”. Todas e cada unha destas cancións teñen unha historia detrás relacionada cunha viaxe, cun encontro e cunha experiencia vivida a través da música, e farán as delicias daqueles que, con espírito inquedo e aventureiro, as deixen entrar no seu corazón.

O concerto dará comezo ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. O colectivo organizador porá á venda as entradas (5 euros) unha hora antes do comezo do espectáculo.

Exit mobile version