Site icon Crónica3.com A Mariña

Terra Branca acolle un mostra de traballos realizados no taller cerámico da Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña

Ribadeo, 20 de marzo de 2015. Galería Terra Branca acolle unha exposición de traballos cerámicos de APEM (Asociación Pro Doentes Mentais da Coruña). José Ramón Leal, propietario do establecemento ribadense, destaca a imaxinación desbordante dos autores das pezas e anima a visitar a mostra “con ánimo de deixarse sorprender”.

APEM, asociación que preside a ribadense Antonia Pérez Amieiro, expón en Terra Branca algúns dos traballos realizados polos enfermos aos que prestan atención. José Ramón Leal, propietario de Terra Branca, asegura que “esta colección é unha achega da asociación APEM da Coruña. Tivemos un achegamento a través da súa presidenta, Antonia Amieiro, que é de Ribadeo. Viñeron visitarme, xurdiu unha certa amizade e a partir de aí a idea de ter unhas pezas destes mozos expostas en Terra Branca, con moitísimo gusto para min”.

Leal sinala que “eles son sorprendentes artistas, teñen unha imaxinación desbordante e iso plásmano nunhas pezas moi bonitas, moi coloristas e comerciais. Son pezas de alta calidade en canto a nivel cerámico. Teñen un profesor estupendo que é Miguel Burgos, que racionalizara e supervisa todos os traballos realizados. Eles conseguen realizar unhas pezas moi atractivas a todos os niveis”.

Entre as pezas de APEM, que se poden ver en Terra Branca, figuran globos aerostáticos e lanchas, entre outras: “veñen previstas moitas delas con peanas, que as fan moi útiles para detalles como trofeos, homenaxes, etc” pero ademais poden ser un agasallo estupendo. Inclúen motivos da terra, motivos mariñeiros, son de mar e iso plásmano tamén nas súas obras e sobre todo nótase moito un grado de humanidade á hora de facer o produto. Hai unhas figuras moi bonitas que representan uns globos, nas que hai un grupo humano que se abraza. Hai que velas, por iso invítovos a que veñades porque será un honor e un pracer ensinárvolas”.

José Ramón Leal di estar aberto á solidariedade “e ao que sexan novas propostas e si é a nivel social e de axuda pois é marabilloso poder contribuír dalgunha forma. Terra Branca é unha galería móbil, unha galería con moita iniciativa e con moitas ganas de facer cousas, por iso é polo que estamos abertos a novas propostas”.

O propietario de Terra Branca agradece a APEM que acheguen esta colección de traballos ata Ribadeo, e engade que “falando con Miguel Burgos dime que eles adaptan a tarefa á persoa e aos grados da súa enfermidade. Así conseguen integrar a estes mozos nunha dinámica de vida moito máis normal. Animo á xente a que se acheguen a Terra Branca e que veñan con intriga e dispostos a sorprenderse. Vanse a sorprender cando vexan as pezas destes mozos e van entender moitas cousas, porque ás veces temos a tendencia a pensar que estes enfermos non poden facer nada e non é certo, porque son persoas moi válidas e nesta forma artística plásmano plenamente”.

O taller cerámico de APEM comezou a traballar en 1998. Desde a asociación explican que “no taller lévanse a cabo actividades ocupacionais tendentes a mellorar a autoestima e a promover a adquisición de competencias profesionais que favorezan a integración sociolaboral de persoas con enfermidade mental”. APEM atende a máis de 300 persoas con estas patoloxías no área sanitaria da Coruña.

Balance
Case catro meses cúmprense da apertura de Terra Branca en Ribadeo e o balance, segundo José Ramón Leal, é positivo: “a galería abriuse como galería de cerámica apostando fortemente por Otero Regal, que é a colección primordial que eu presento, e a pintura suscitouse como un complemento, como unha decoración, pero sorprendeume porque a pintura está crecendo e cada vez está collendo máis forza nas nosas paredes e os nosos clientes agradécennolo porque estamos presentando obras que van sorprender. A acolleita foi moi bonita e moi positiva. Os Nadais foron intensas, que iso cando acabas de empezar é de agradecer plenamente e posteriormente xa empezo a notar esa afluencia turística que ten *Ribadeo. Cada vez veñen máis clientes estranxeiros, ademais de moitos os lugares da península?.

Exit mobile version