Site icon Crónica3.com A Mariña

Técnicos de Patrimonio e o alcalde de Burela visitaron a igrexa da Vila do Medio para comprobar o estado das pinturas do século XVI

pinturasBurela, 13 de marzo de 2015. Técnicos de Patrimonio da Xunta e o alcalde, José Mª González Barcia, visitaron este venres a igrexa de Vila do Medio para ver en qué estado de conservación se atopan as súas pinturas do século XVI. O rexedor asegurou que están afectadas por diferentes humidades e que os técnicos realizarán un informe sobre as posibles medidas a adoptar ao longo das vindeiras semanas.

González Barcia contou que “o obxectivo fundamental desta visita era ver o estado actual das pinturas da igrexa de Vila do Medio, facer un informe e partires de aí propoñer alternativas para a súa mellor conservación. O que detectamos é unha humidade importante dentro da igrexa, que non acertamos a saber de onde procede. E esa humidade é a que lles está a afectar a esas pinturas”.

O alcalde dixo que hai varias causas posibles: “o sitio onde está situada a igrexa, que forma unha especie de cunca, é unha zona moi húmida. Alí tamén hai unha fonte próxima. Todo isto trae consigo que a humidade e as sales lle poidan afectar ás pinturas de Vila do Medio”.

José Mª González Barcia indicou que “a intención tanto por parte da Consellería de Cultura e Educación como por parte do Concello é empezar a traballar tan pronto como se poida para a aplicación das posibles solucións. O informe que os técnicos elaboren non vai estar no Concello ata dentro de tres ou catro semanas e despois estaremos de novo en contacto coa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para ver de axilizar os trámites que teñamos que facer, ver de dar os pasos precisos e necesarios para poñerse a traballar e así manter as pinturas nas mellores condicións posibles”.

Exit mobile version