O pasado domingo Ribadeo en Común celebrou a primeira xuntanza de presentación da iniciativa na tenda bar Amodiño. Preto de 40 persoas falaron de participación, feminismo e infancia. Foi un acto distendido, amenizado pola música de dous compañeiros, no que presentamos a visión de ReC no eido da educación e a participación da mocidade.
Deuse espazo tamén ao Colectivo 8 de Marzo para lembrar a necesidade de que o feminismo e a procura da igualdade real impregne as nosas propostas e as nosas condutas, e a unha veciña -Eva-, que presentou unha interesante proposta de adaptar a nosa vila ás persoas máis novas -a “vila das pícaras e os pícaros”-. O proxecto, xa en marcha noutras cidades, parte da idea de que a cidade actual está deseñada para o “varón adulto que vai en coche”, primando a mobilidade e o aparcamento destes vehículos sobre as necesidades do resto das persoas. Se recuperamos un Ribadeo onde os nosos fillos podan moverse sós con seguridade, como faciamos nós fai anos, Ribadeo será moito máis habitable para todas e todos. Esa transformación deberá deseñarse a partir dun proceso de diálogo e participación coas persoas máis novas.
A participación da infancia e da mocidade dentro da vida cotiá ribadense debera ser un feito por si mesmo, porque forman parte deste Ribadeo que intentamos mellorar. Os que agora son xente nova, mañá estarán á fronte do Ribadeo que hoxe construamos e polo tanto serán herdeiros dos nosos feitos.
A infancia e a xuventude deben ter unha maior visibilidade e maior espazo dentro da sociedade; como ben sinala a Convención dos Dereitos da Infancia teñen pleno dereito a recibir información, opinar, asociarse e expresarse libremente. En resumo, a participar de todo aquilo que lles afecte: por iso queremos crear un espazo de comunicación coa infancia e xuventude de Ribadeo.
Para tal fin comezaremos facendo unha xuntanza este domingo 15 de marzo no Cantón ás 12.00 horas do mediodía. Neste encontro, ó que están convidados tódolos nenos/as e acompañantes, falaremos de aquilo que lles gusta de Ribadeo e o que mudarían para poder entre todos melloralo e adaptalo ás súas necesidades.