Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto de 100 veciños de Riotorto desfrutarán de novas infraestruturas grazas á Deputación

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, supervisará este luns o estado das obras que se están a executar no Concello de Riotorto, incluídas no Plan de Impulso do Medio Rural e ao Sector Primario e co que o organismo provincial busca frear o despoboamento e abandono do rural. As actuación contan cunha achega provincial de case 25.000 euros.

Estas obras consisten na mellora no acceso aos núcleos de poboación de Galegos e Reordela, que conta cunha achega de 12.000 euros; a construción da Fonte en Hortovello, cun valor de case 8.000 euros; e a obra do Camiño de Ferrería, dotada con máis de 5.000 euros. Estas actuacións beneficiarán de xeito directo a preto de 100 persoas así como a 7 explotacións gandeiras.

A través desta nova liña de axudas, o organismo provincial renova o seu compromiso co rural e co sector primario da provincia, dotando aos Concellos de novos servizos, infraestruturas e prestacións co fin de mellorar a calidade de vida dos lucenses e impulsar o desenvolvemento económico da zona.

1,3 millóns de euros
A Deputación investiu durante os últimos anos mais de 1,3 millóns de euros na dotación de servizos e infraestruturas de calidade no Concello de Riotorto. Entre estas actuacións atópase a mellora da estrada A Pontenova-Augaxosa; a mellora do abastecemento de Galegos, da ponte e do acceso á Avilleira; o acondicionamento de fontes en Teixeira e da fonte e camiño en Espasande de arriba; así como a mellora do campo da festa de Santa Comba de Orrea. Ademais, o organismo provincial prevé rematar este ano as obras da Residencia e centro de día público para a terceira idade de Trabada así como o Centro de Recría, dos que desfrutarán tamén os veciños do Concello.

Exit mobile version