Site icon Crónica3.com A Mariña

Preocupado só por manterse no posto

Alcalde é aquel que se interesa polos seus veciños durante todos e cada un dos días do seu mandato, e non só a días dunhas eleccións municipais. Suárez Barcia non parece decatarse disto, e só actúa ás portas da cita coas furnas. Antes, durante os preto de 1.400 días que xa percorreron da lexislatura, non amosou interese algún por atender ás reivindicacións dos ribadenses.

Creo que o que fai bo a un alcalde é a súa constancia na dedicación e entrega cos veciños. O traballado diario evitaríalle Suárez Barcia protagonizar feitos cando menos insólitos. Os poucos días que distan das eleccións lévao a, con fondos de todos os ribadenses, adecuar camiños do rural en días de choiva. O diñeiro de todos débese empregar de xeito óptimo e en actuacións que perduren no tempo.

Os populares levamos seis anos pedindo actuacións no parque infantil de San Francisco. Urximos reiteradamente estas obras dada a perigosidade que entraña a súa situación actual. O señor alcalde, ao parecer, non se deu conta ata agora deste risco para os cidadáns. Un caso semellante dáse coa adecuación do segundo treito da rúa Ramón González. Os fondos propios estaban dispoñibles durante toda a lexislatura, polo que hai que preguntarse: Se tiña o diñeiro, por que non respondeu antes aos veciños? Traballa só en eleccións. Ás presas, tarde e mal.

Pero como ata do negativo temos que sacar algo positivo e vendo que só se involucra nesta época, lánzolle ao señor alcalde de novo unha urxencia: para cando unha solución ao deporte ribadense e ao Ribadeo F.C.? O campo de fútbol necesita melloras. O alcalde non pode seguir pechando os ollos.

Dende o Partido Popular de Ribadeo sempre trasladamos a necesidade de que se acometesen as actuacións mencionadas e así o solicitamos de xeito reiterado. O que lamentamos é que só sexan escoitados os veciños en época electoral. Cando menos é curioso que dende o Bloque Nacionalista Galego, que se enchen a boca a hora de criticar a outros, en poñer deberes aos demais, non dubiden en empregar esta práctica electoralista de xeito descarado e co único fin de manterse no seu posto.

Jesús López Penabad

Candidato do PP en Ribadeo

Exit mobile version