A Mariña, 14 de marzo de 2015.- Desde o Partido Popular da Mariña lucense quixeron dar a benvida e salientar o acerto da Consellería de Sanidade e do Goberno galego á hora de nomear a Carmen Durán como nova xerente executiva da área sanitaria da comarca. Os populares salientan a destacadísima traxectoria en investigación e xestión desta doutora especialista en Farmacia, así como o feito de que sexa a primeira muller en asumir este cargo, e a dirección do Hospital da Costa, desde a súa creación.
“Confiamos na capacidade da nova xerente, na súa profesionalidade e no rigor que ten demostrado na súa anterior experiencia en xestión na area sanitaria de Santiago. E aplaudimos especialmente os compromisos que anunciou: continuar coa mellora dos servizos e a idea reforzar a relación entre o hospital e os centros de atención primaria, porque son iniciativas que demostra un gran coñecemento da realidade do noso hospital”.
O GRAN RETO: A AMPLIACIÓN
Os populares subliñan que Carmen Durán asume o cargo probablemente co reto máis importante da historia do hospital, como é xestionar a súa ampliación, conforme ao proxecto impulsado polo Goberno galego e que está piques de ser presentado, tras a correspondente revisión polos servizos técnicos da Consellería.
Desde o PP lembran que os orzamentos da Xunta de Galicia contemplan unha partida de un millón de euros para iniciar as obras de ampliación nesta anualidade as que habería que sumar aos 2,2 millóns de euros máis achegados en melloras, novos servizos e investimentos desde que os populares teñen a responsabilidade de goberno na Xunta.
AS CRÍTICAS SON FROITO DA INDIXESTIÓN DA OPOSICIÓN
Pola súa banda, os populares atribúen as críticas efectuadas por responsables socialistas, nacionalistas e plataformas afíns aos partidos da oposición a “indixestión” que nestas formacións opositoras provoca o feito de que sexa o PP quen vaia a facer fronte á ampliación, así como a realidade de que a actual é única administración que ten investido e financiado importantes melloras no hospital.
“Non poden aceptar que prometéramos rematar a reforma da área de maternidade e sexa hoxe una realidade. Non aceptan que dixéramos que o hospital tería un novo servizo de atención domiciliaria e unha nova unidade para o tratamento de enfermos con cancro e ambas xa estean funcionando. E agora tampouco queren aceptar que vaia a ser un goberno popular quen faga fronte ás obras de ampliación de centro. Pero tamén cumpriremos o prometido”.
Finalmente, desde o PP tiveron palabras de agradecemento á dedicación, capacidade de traballo e compromiso amosado polo xerente executivo saínte, o doutor Francisco Soriano a quen lle desexan o mellor no seu novo compromiso profesional en Ferrol, e sinalan o feito de que, “quen tamén foi recibido con gritos dalgunha parte do persoal ao final marcha co recoñecemento de todos polo bo traballo feito”.