Alfoz, 19 de marzo de 2015.- O Partido Popular de Alfoz asegurou este xoves que a Deputación de Lugo “só acerta cando nos escoita e admite que as nosas peticións de arranxo das estradas provinciais son necesarias e razoables”.
Os populares fan estas declaracións despois do anuncio que vén de facer público a Deputación Provincial de Lugo sobre melloras na LU-P-0202 e na LU-P-0210.
Neste senso, os populares lembran que tanto o Concello como o Grupo Provincial do Partido Popular, a través de diferentes iniciativas plenarias, solicitaron á administración provincial, obras de mellora, entre outras, nestas dúas infraestruturas viarias.
“Pedimos en reiteradas ocasións e a través dos medios dispoñibles tanto dende o Concello como dende o Grupo Popular na Deputación que a administración provincial actuase sobre as súas vías no municipio. Presentan un estado deplorable. Estas reivindicacións trasladámolas durante toda a lexislatura e a Deputación só se amosou sensible agora, preto das eleccións”.
Resposta insuficiente
Porén, os populares locais consideran insuficiente a resposta da Deputación de Lugo, que durante toda a lexislatura fixo oídos xordos as queixas dos veciños, remitidas a través do Concello e do GPP; e agora anuncia actuacións “pero esquecéndose de incluír algunhas moi importantes”.
Deste xeito, o Partido Popular de Alfoz urxe que se manteña en bo estado e, polo tanto, se acometan as labores necesarias na LU-P-0204 de Carrocide por Arnela a Tremoal. Esta estrada presenta unha plataforma moi estreita, cun firme en moi mal estado entre as parroquias de Lagoa e Pereiro.
“A estrada está intransitable e levamos solicitando actuacións durante toda a lexislatura”, aseguran os populares, ao tempo que explican que se trata da vía que permite a saída dos veciños da parroquia do Pereiro e de parte de Lagoa cara a capitalidade municipal. “Trátase dunha estrada moi transitada e que soporta o paso de camións de madeira, dado o carácter forestal da zona que comunica esta vía”.