Lourenzá, 13 de marzo de 2015- O delegado do Goberno en Galicia,
Santiago Villanueva, visitou este venres as obras de construción do
tramo do Camiño Natural de San Rosendo na Mariña lucense. Esta actuación,
financiada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente,
supón un investimento de 367.524 euros.
O Camiño Natural de San Rosendo enmárcase no Programa de Camiños
Naturais do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que
pretende crear unha infraestrutura que responda á demanda de ecoturismo e
que promova os valores de sostibilidade mediante a educación ambiental.
Na visita, Santiago Villanueva estivo acompañado polo coordinador de programas da Subdirección Xeral de Desenvolvemento de Medio Rural do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e
director da obra, Jorge Figueira Pedra-Boa; o subdelegado do
Goberno en Lugo, Ramón Carballo; a directora xeral de Conservación da
Natureza da Xunta, Verónica Tellado; e a alcaldesa de Lourenzá, Emma
Álvarez.
Os tramos
O tramo da Mariña do Camiño de San Rosendo ten unha lonxitude de 32,4
quilómetros e percorre os municipios de Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros e Foz.
Os traballos para a súa construción, que executa Tragsa, iniciáronse o pasado mes de outubro. Unha vez finalizado, este tramo unirase aos xa
construídos na provincia de Ourense -entre Porto Quintela e Celanova, cunha lonxitude de 28,3 quilómetros, e entre Celanova e Ourense con 37,8
quilómetros-.
En total, este proxecto contempla a recuperación de 225 quilómetros de camiños naturais que unirán Porto de Quintela (Ourense) con Foz (Lugo). O Ministerio prepara xa os estudos necesarios para os proxectos correspondentes a Portomarín-Lugo e Lugo-Meira. Únicamente restarán
entón os tramos Meira-Mondoñedo e Portomarín-Ourense.
Actuación na Mariña
As actuacións que se están levando a cabo no percorrido do Camiño de San
Rosendo pola comarca da Mariña supoñen o roce de terras coa limpeza de firmes e cunetas, a instalación de zahorras e badéns de formigón, a reparación e construción de fontes, así coma a colocación dunha
pasarela de madeira sobre o río Baos en Lourenzá e doutra en A Voltiña,
para salvar o drenaxe da estrada.
O proxecto contempla tamén a colocación de colectores e marquesinas de madeira, e as sinalizacións do camiño e das estradas, ademais das
proteccións necesarias ao actuar nas marxes dalgunhas vías.
Colaboración Estado – Xunta
A realización desta obra enmárcase no convenio entre o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a Consellería de Medio
Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a posta en valor da Rede de Camiños Naturais non motorizados de Galicia.
Este proxecto ofrece ao usuario novas posibilidades de lecer e unha forma de turismo alternativa e respetuosa coa contorna. Potencia así mesmo a
educación ambiental e a interpretación da natureza e ofrece novas
posibilidades para o exercicio de actividades educativas e culturais que
axuden a unha maior integración e mellor coñecemento da contorna.