O rexedor municipal explicou que “por parte do Concello de Foz estase sacando a contratación unha obra importante e moi demandada, que é a continuidade das melloras na pista polideportiva do Campo da Cabana. Hai que recordar que hai menos dun ano fíxose unha obra de reparación integral da pista e das redes laterais máis unha parte de vallas. Con esa obra tamén se retiraron as gradas metálicas e de madeira, que se atopaban nun estado lamentable e perigoso para todos os usuarios. A obra, que está agora pendente de contratación por un importe de cerca de 40.000 euros, vai consistir na instalación dunhas gradas prefabricadas de formigón onde estaban situadas as anteriores, pegadas á rúa Rosalía de Castro, e a mellora das beirarrúas nese lugar”.
Javier Castiñeira considera que esta actuación “abrirá moito máis o Campo da Cabana á xente e mellorará moitísimo a seguridade nesta pista polideportiva descuberta, que hai uns anos atopábase nun estado lamentable. Con estes dous investimentos, o anterior feito en parte con fondos da Xunta de Galicia, o que agradecemos, e tamén con cartos do Concello; e agora con esta segunda fase, que se fará con fondos municipais integramente, o polideportivo do Campo da Cabana, que é un punto de encontro para rapaces, xuventude e deportistas, vai quedar totalmente reformado, despois de 25 anos dende que se fixera a anterior reforma. Polo tanto é unha moi boa nova e esperamos que a principios do mes de abril estean comezando eses traballos de construción das novas gradas de formigón no Campo da Cabana”.